Publicador de contidos
Publicador de contidos

Milleiros de persoas seguen a cerimonia de coroación nas rúas de Londres

Milleiros de persoas seguen a cerimonia de coroación nas rúas de Londres

Algúns acamparan durante días para coller un sitio bo

G24.gal 06/05/2023 14:31 Última actualización 06/05/2023 15:03

A noite foi fría en Londres, pero os cidadáns que acamparon co propósito de conseguir un posto bo desde o que seguir o evento, felicitábanse de que a chuvia os respectara.

Un espectador explicaba que mesmo fixeran unha pequena festa, mentres alzaba unha copa polo rei. Cantaron moito, falaron moito, segundo contaba unha muller. Outra comentaba que lle gustara tanto estar no funeral da raíña que decidiu ir tamén á coroación.

A cita non só reuniu británicos. O acontecemento constituíu tamén un reclamo para moitos estranxeiros, en máis dun caso chegados doutros continentes.

Unha norteamericana definíao como un conto de fadas moderno e unha experiencia diferente. Unha australiana apuntaba que parte do encanto fora acampar e coñecer xente.

É a primeira coroación en chan británico en sete décadas e por tanto un feito nunca vivido para a maioría dos asistentes.

A motivación máis repetida polos presentes: que é un momento histórico. Unha espectadora que foi con dous cativos quería que fosen testemuñas directas da historia.

Unha profesora consideraba que era construír recordos, preguntarte onde estabas e saber que o viviras. Unha nena de once anos, Isabel, confesa, porén, que estaba alí por outra razón: para durmir nunha cadeira.

Ademais dos milleiros de congregados ao longo da ruta da carroza real, outros moitos instaláronse xunto a algunha das pantallas xigantes dispostas nos parques de Londres para non perder detalle da retransmisión da cerimonia.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade