Publicador de contidos
Publicador de contidos

Milleiros de persoas cruzan a fronteira ucraína cara aos países veciños

Milleiros de persoas cruzan a fronteira ucraína cara aos países veciños

Polonia habilitou centros de atención en oito pasos fronteirizos

A ONU calcula que cinco millóns de persoas poderían fuxir de Ucraína

Unha estación de tren polaca acolle milleiros de refuxiados
G24.gal 26/02/2022 14:23

Decenas de miles de cidadáns ucraínos cruzaron as fronteiras de Polonia, Moldova, Romanía ou Eslovaquia. As Nacións Unidas cren que poderían fuxir ata cinco millóns de persoas no peor dos escenarios.

Polonia é o país que máis quilómetros de fronteira comparte con Ucraína e será tamén o país que máis refuxiados reciba, ata tres millóns, segundo a ONU. Xa habilitou centros de atención nos oito pasos fronteirizos.

As autoridades polacas aseguran que nas últimas horas máis de 100.000 persoas entraron no país desde a invasión rusa. Non todos teñen onde aloxarse e tampouco saben cando poderán volver.

De momento, contan co apoio e a axuda do voluntariado, que se organizou para darlles unha casa, un emprego... Unha das voluntarias conta que xa atoparon unha solución temporal para doce familias.

No saturado posto fronteirizo de Medyka, as persoas que chegan buscan roupa e calzado doados pola cidadanía polaca nun mercado improvisado. Outras agardan xunto ás ambulancias para recibiren asistencia médica.

Tamén hai xente á procura de parentes. Unha parella de ucraínos que vive en Alemaña agarda a chegada de familiares, incluídos tres pequenos, que veñen desde Odesa.

Outras fronteiras

Os ucraínos que foxen da guerra tamén cruzan a outros países, como Eslovaquia, Romanía ou Moldova. No pavillón de Ubla, en Eslovaquia, os máis pequenos xogan alleos á traxedia. Miroslava conta que chegaron á fronteira en taxi e van camiño de Praga, onde vive o seu home.

Iván vive en Chequia e foi a Ucraína a recoller a súa familia. Conta que ten todos os permisos para levalos á casa e comenta que os soldados rusos xa están en Kiev.

A xenófoba Hungría tamén abriu as súas fronteiras aos refuxiados tras cambiar a súa lexislación.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade