Minuto de silencio en Linares polo pequeno Cristian
Minuto de silencio en Linares polo pequeno Cristian
O neno, de dous anos, faleceu presuntamente polos golpes do mozo da súa nai
A nai declara como vítima de violencia vicaria
Ducias de veciños se xuntaron este venres na praza do concello de Linares, unha concentración silenciosa para expresar a súa rabia pola morte de Cristian. O neno de dous anos foi golpeado ata morrer presuntamente a mans do mozo da súa nai.
O crime conmocionou a vila xienense, que suspendeu toda actvidade oficial durante os 3 días de loito.
Auxiliadora del Olmo, alcaldesa de Linares, cre que “todas as institucións que estamos aquí reunidas debemos facer esa condena enérxica en contra do asasinato, neste caso, dun menor”.
Para Manuel Fernández, subdelegado do Goberno en Xaén, “se non imos todos xuntos, perdemos forza, e perder forza supón morte, supón violencia".
O presunto agresor segue detido. Aparentemente aproveitou a ausencia da casa da nai dos dous xemelgos para golpealos. Tiña antecedentes policiais e saíra do cárcere hai catro meses.
Cristian faleceu dun traumatismo cranioencefálico. O seu irmán recupérase no hospital das súas feridas.
A policía manexa como principal hipótese a da violencia vicaria: de feito, a nai declarou este venres como vítima de violencia de xénero. Sería a novena morte deste tipo no que vai de ano e a número 63 desde que se empezaron a contabilizar en 2013.