Misión case imposible ir a Berlín para a final da Eurocopa
Misión case imposible ir a Berlín para a final da Eurocopa
A estas alturas, case non hai opcións para viaxar á capital alemá e os prezos son desorbitados
A final da Eurocopa está desatando unha euforia colectiva. Milleiros de afeccionados viaxarán a Berlín para ver o partido alí, no Estadio Olímpico, aínda que son máis os que só poderán soñalo.
"A verdade é que me gustaría moito poder ir".
"Sería a ilusión máis grande, pero calquera vai alá", comentan uns rapaces na rúa.
Pois precisamente calquera non pode ir. Ir a Berlín é unha misión case imposible para a maioría dos afeccionados. Nin sequera o están intentando
"Non nos preguntou ninguén este ano para asistir á final de Berlín", conta Manuel Varela, axente de Loevia viaxes.
"Pois a realidade é que non, non tivemos ningunha solicitude", indica Rosa Cereijo, directora de Nautalia Viaxes.
"Polo que falei con compañeiros, ninguén fixo peticións de ningún tipo", confirma Isabel Suárez, axente de Azul Marino Viaxes.
A estas alturas os prezos están polas nubes, e máis dende Galicia, que non hai voos directos. Con escalas, a viaxe pode durar entre 7 e 12 horas.
"Aínda mirei hai un pouco unha e estaba en 1.346 euros", informa Manuel Varela, axente de Loevia viaxes.
Iso a ida, pero falta a volta.
"O retorno, o luns e o martes están todos os voos tanto a Madrid coma a Barcelona, completos", explica Rosa Cereijo, directora de Nautalia Viaxes.
"Fanche falta para dous días ao mellor 2.500 euros e conseguir a entrada", indica Isabel Suárez, axente de Azul Marino Viaxes.
Ese é outro conto.
"As máis baratas, a 2.000 euros, e de aí ata 6.000", relata Manuel Varela, axente de Loevia viaxes.
"É unha cousa inviable para un peto mediano, é dicir, sería un antollo", confirma Isabel Suárez, axente de Azul Marino Viaxes.
"Nin pola cabeza, nada".
"Se puidese, iría".
"Podería merecer a pena, a verdade, a verdade é que si, eh, é un momento único", contan uns rapaces.