A Fiscalía súmase á causa contra as aeroliñas por cobrar a maleta de man
En novembro 5 aeroliñas de baixo custo foron multadas con 179 millóns de euros por cobrar a maleta de man
"E logo porque levemos unha mochila fai falta que nos cobren?, temos que facturar por ao mellor un quilo ou dous que nos pasemos", lamenta unha pasaxeira.
O dereito de todos os pasaxeiros a poder viaxar con equipaxe de man segue vulnerándose por parte das aeroliñas de baixo custo, o que provoca moita incerteza.
"Eu agora mesmo vou insegura coa equipaxe que levo"; "Mira como vou, vou agochar isto"; "Pasoume nalgunha ocasión que tiven que facturar e pagar 60 euros, máis do que me custa o voo"; "Tiñamos facturada a grande e por unha pequena tivemos que pagar, 30 e tantos euros pola maletiña"; "Buscan sacar o maior rendemento de onde poden", comentaban esta mañá no aeroporto de Santiago.
Todo isto segue sucedendo a pesar da multa millonaria imposta a estas compañías xa no mes de novembro. É por iso que a Fiscalía vai dar un paso máis e presentarse na causa xudicial aberta polo Ministerio de Consumo.
"Entendemos que esta comparecencia da Fiscalía vai ser un apoio e tamén vai ser unha mensaxe á Comisión Europea que agora ten que mover ficha e defenda os dereitos dos consumidores nesta ocasión, en vez dos dereitos das aeroliñas, que non son dereitos senón abusos", explica Ileana Izverniceanu, directora de Comunicación da OCU.
E é que esta problemática afecta todos os países da Unión Europea, de aí o apoio unánime das organizacións de consumidores ao camiño emprendido polo Goberno español.
"España foi pioneira nesta sanción e as organizacións europeas con maior representatividade mostraron e valoraron esta iniciativa por parte do noso Goberno", conclúe a responsable de comunicación da OCU.