O día grande da Santa Minia enche Brión de romeiros
O día grande da Santa Minia enche Brión de romeiros
A esta celebración preto de Santiago acoden persoas desde distintos lugares de Galicia
O lugar de Pedrouzos, en Brión, presentouse no comezo do Día de Santa Minia fresco pola néboa baixa que non arredou os fieis máis madrugadores na súa tradición de pasar pola capela. Para boa parte deles o rito inclúe empezar mercando un exvoto.
María é cereira: "Adoita ser a santa dos ósos. Daquela levan corpos, cabezas, pernas, mans... As figuriñas, os exvotos son o que máis levan".
Unha romeira sinala: "Levo unha santiña para que me axude... en todo".
A romaría está acompañada dunha oferta comercial ampla e diversa. Pero entre a oferta abundan os postos de rosquillas, como o que atende Fina: "Hoxe contamos que sexa un día bo. Despois, xa veremos".
A esta celebración preto de Santiago acoden persoas desde distintos lugares de Galicia pero, sobre todo, asiduas dos arredores, como Sol, que desta di que ten máis motivo: "Levo ano e algo bastante mala, con dúas operacións e sempre vin todos os anos, porque son de aquí cerca".
Outro romeiro di: "Son de Vilanova de Arousa. Veño a esta romaría porque me ensinaron a vir, porque teño fe e vou a moitas".
"Somos de Melide. E veño para pedir saúde. A primeira cousa é a saúde", sinala unha muller referíndose ao seu grupo.
Un veciño de Brión fala así do ambiente deste ano: "Ben. Bastante ben, aínda que eu non estiven ata moi tarde pola noite".
E que á parte de nas misas que hai case cada hora o Día da Santa Minia ten nas polbeiras unha cita ineludible para a gran maioría visitante a calquera hora. Mari Carmen leva varias décadas despachando aquí. "Esta festa cada vez vai a máis, das mellores da contorna e das que máis xente trae".
A romeira Sol cóntanos que vai á misa e pola tarde, cando o seu marido volva do traballo, volverán á romaría para o polbo e a verbena.