Momentos de tensión na protesta dos veciños de Monte Alto contra un narcopiso
Momentos de tensión na protesta dos veciños de Monte Alto contra un narcopiso
Algúns dos participantes trataron de derrubar a porta da vivenda
Veciños do barrio coruñés de Monte Alto secundaron este martes unha protesta contra os narcopisos. Nela, vivíronse momentos de tensión cando algúns dos participantes trataron de acceder ao inmoble e derrubar a porta de entrada.
A protesta comezou cunha concentración na praza de San Xosé que continuou cunha cacharrada ata o que, segundo os convocadores, é un narcopiso situado na rúa Washington.
Nese momento, vivíronse momentos de tensión cando algúns dos participantes comezaron a golpear a porta. Ao lugar, desprazáronse varios axentes que fixeron un cordón policial para protexer a zona e evitar máis incidentes.
"Conseguimos desmantelar un hai uns dous días na avenida de Hércules, quedou baleiro polas protestas", explicaba un dos comerciantes da zona, que asegura que desde a existencia destes narcopisos, con presenza de persoas que acoden ao barrio procedentes doutros lugares, a xente non está "tranquila".
Ademais de roubos, denunciou ameazas e reclamou que se incremente a presenza policial e as operacións para o desmantelamento destes puntos de venda de droga, aínda que precisou que nas últimas datas comprobaron a existencia de máis axentes.