Morre o monfortino que quedara atrapado cando instalaba un elevador doméstico
Morre o monfortino que quedara atrapado cando instalaba un elevador doméstico
O monfortino que este luns quedou ferido de gravidade tras caerlle encima a plataforma dun elevador doméstico que estaba instalado na vivenda familiar e quedar atrapado debaixo faleceu nas últimas horas no Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA), a onde foi evacuado, como consecuencia da gravidade das lesións, segundo informaron fontes consultadas por EFE.
A persoa que avisara a central de emerxencias pediu axuda para liberar un home que quedara atrapado debaixo dun montacargas de tipo industrial, pero nunha vivenda particular situada na Rúa Eduardo Pondal, no municipio monfortino.
O 112 mobilizou os Bombeiros de Monforte de Lemos, que, en apenas unha hora, liberaron o ferido. Tras recibir os primeiros auxilios no mesmo lugar do accidente, foi trasladado polos servizos sanitarios de emerxencias ao HULA, en Lugo, onde ingresou na Unidade de Coidados Intensivos (UCI).
Finalmente, segundo as mesmas fontes, a vítima acabou falecendo no hospital de Lugo por mor da gravidade das súas feridas.