Publicador de contidos
Publicador de contidos

Un naufraxio ante a costa de Grecia deixa polo de agora 79 inmigrantes mortos

Un naufraxio ante a costa de Grecia deixa polo de agora 79 inmigrantes mortos

Na embarcación viaxaban unhas 400 persoas e ata agora rescataron con vida 106 

G24.gal 14/06/2023 12:45 Última actualización 14/06/2023 19:48

Polo menos 79 migrantes perderon a vida este mércores tras afundirse un pesqueiro con centos de persoas a bordo no Mar Xónico, ante a costa grega.

A Garda Costeira helena conta que o número de vítimas aumente nas vindeiras horas.

Ata o momento puideron ser rescatados con vida 106 persoas, catorce das cales foron trasladadas ao hospital da cidade de Kalamata, a uns 250 quilómetros ao suroeste de Atenas.

Segundo os medios locais, polo menos 400 inmigrantes estaban a bordo da embarcación de 30 metros de eslora, polo que se teme que centos de persoas poderían permanecer desaparecidas.

Dez embarcacións, unha fragata da Armada, un helicóptero e un dron de Frontex -a axencia de fronteiras da Unión Europea (UE)- participan nas operacións de procura e rescate.

A maioría dos 106 rescatados son homes maiores de idade.

A embarcación partira con destino a Italia desde o leste de Libia e naufragou tras envorcar esta madrugada ao suroeste da península do Peloponeso.

A Garda Costeira grega informou que o pesqueiro fora localizado cara ao mediodía deste martes, cando navegaba en augas internacionais ao sur da península grega.

Pola tarde, unha embarcación dos gardacostas achegouse para ofrecer asistencia, xa que divisara a un gran número de persoas na cuberta exterior do barco, pero os que se atopaban a bordo rexeitaron a oferta de axuda, expresando o seu desexo de continuar o viaxe rumbo a Italia, explica a nota.

Unhas horas despois do sinistro, os gardacostas rescataron ao sur da illa de Creta outras 80 persoas que se atopaban nun veleiro á deriva.

As redes de tráfico ilícito de persoas levan anos utilizando embarcacións grandes, como veleiros e pesqueiros, para dirixirse desde Turquía ou Libia ao sur da Italia continental, desde onde os migrantes e refuxiados teñen un acceso máis fácil aos países de Europa Central.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade