Publicador de contidos
Publicador de contidos

Morte de Prigozhin: Occidente dubida do accidente e o Kremlin garda silencio

Morte de Prigozhin: Occidente dubida do accidente e o Kremlin garda silencio

Biden afirma que "non está sorprendido" e o Goberno Francés di que ten "dúbidas razoables" sobre o ocorrido

Admiradores do propietario do grupo de mercenarios improvisan un memorial ante a sede das instalacións de Wagner en San Petersburgo

Restos do avión sinistrado en que viaxaba o líder do grupo de mercenarios rusos
G24.gal 24/08/2023 10:44 Última actualización 24/08/2023 15:29

Dous meses despois da sublevación do líder do grupo Wagner contra a cúpula militar rusa, o accidente de avión en que morreu este mércores na rexión de Tver o propio Yevgueni Prigozhin e a cúpula da empresa de mercenarios, provoca sospeitas e especulacións sobre as causas do sinistro.

Desde o Kremlin, polo momento, gardan silencio. Ninguén no Goberno ruso se manifestou sobre o ocorrido, máis alá de confirmar o falecemento dos dez ocupantes do avión e a apertura dunha investigación como un accidente aéreo.

Non obstante, círculos próximos ao grupo Wagner sinalan o presidente ruso, Vladimir Putin, como responsable do accidente.

A primeira aparición pública do presidente ruso foi para dirixirse aos participantes no cumio dos BRICS que se está celebrando en Sudáfrica. Falou desde Moscova, a través de videoconferencia, e non se referiu ao asunto, aínda que tampouco se agardaba, ao non ser un foro apropiado para iso.

Vladimir Putin diríndose aos participantes no cumio dos BRICS Vladimir Putin diríndose aos participantes no cumio dos BRICS

Mentres tanto, o presidente dos Estados Unidos, Joe Biden, aseguraba tras coñecer a noticia que "non está sorprendido". "Non hai moito do que pase en Rusia en que Putin non estea detrás, pero non teño suficiente información para dar unha resposta", agregou Biden.

Francia expresaba este xoves "dúbidas razoables" sobre o suceso. Foi nunha entrevista co portavoz do Goberno, Olivier Veran, quen sinalaba que "Prigozhin é o home dos traballos sucios de Putin" e que a súa actividade é "indisociable" da política do presidente ruso.

A ministra de Asuntos Exteriores de Alemaña, Annalena Baerbock, afirmou que a morte do dirixente do grupo mercenario demostra que non é posible confiar no presidente ruso, Vladímir Putin.

Zelenski di que é "algo bo" para Ucraína

Pola súa parte, o presidente de Ucraína, Volodímir Zelenski, aseguraba que a morte de Prigozhin era "algo bo" para o seu país, e engadía: "non temos nada que ver con iso, sabemos quen foi".

Na súa declaración, Zelenski aproveitou mesmo para facer unha broma respecto diso: "Cando pedín apoio aéreo aos socios non era isto no que pensaba".

Admiradores de Prigozhin depositan flores e acenden candeas fronte á sede de Wagner Admiradores de Prigozhin depositan flores e acenden candeas fronte á sede de Wagner

Mentres, seguidores e admiradores do líder do grupo de mercenarios improvisaban esta noite pasada un altar ás portas das instalacións do grupo Wagner en San Petersburgo, cidade natal de Prigozhin. 

Xa este xoves, as autoridades rusas trasladaron os cadáveres dos ocupantes do avión ata o depósito de cadáveres onde se lles vai realizar a autopsia.

De "chef de Putin" a traidor, protagonizou unha rebelión contra o presidente ruso

Yevgeni Prigozhin, de 61 anos, exdelincuente reconvertido en empresario da restauración, coñeceu a Vladimir Putin cando este frecuentaba o seu restaurante de luxo en San Petersburgo. A súa proximidade ao presidente ruso permitiulle aumentar a súa fortuna e entrar en política.

En 2014 formou o grupo Wagner, unha formación paramilitar que se ocupou dos traballos sucios do Kremlin en conflitos en África e, dende hai ano e medio, en Ucraína. O exército privado, formado por 25.000 homes, viviu o seu momento estelar na toma de Bajmut.

Pero Prigozhin era cada vez máis crítico con Moscova e o 23 de xuño anunciaba unha "marcha patriótica" para derrocar a cúpula militar rusa. Putin acusouno de traidor e o pulo durou menos de 24 horas. Prighozin, que esta semana reaparecía en Níxer, quedou sinalado pola rebelión sen precedentes contra o presidente ruso.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade