Publicador de contidos
Publicador de contidos

Moyano: “Logroño é un equipazo, vai esixir unha das nosas mellores versións”

Moyano: “Logroño é un equipazo, vai esixir unha das nosas mellores versións”

Moyano aínda non poderá contar neste partido coa súa fichaxe estrela, o pivote exipcio Omar Shériff

G24.gal 20/09/2024 11:08 Última actualización 20/09/2024 11:18

O adestrador do Frigoríficos do Morrazo, Nacho Moyano, asume que o seu equipo necesitará estar “moito mellor” que ante o Atlético Valladolid porque en caso contrario será “imposible” competir este domingo contra un BM Logroño A Rioxa construído para “pelexar por entrar en Europa”.

“É un equipo con moitísimos argumentos a nivel ofensivo, moi desequilibrante nas accións dun contra un e con situacións de lanzamento exterior. Ademais, ten a un dos pivotes máis determinantes en ataque da categoría”, analizou o técnico madrileño.

O preparador do Frigoríficos considera que a nivel defensivo é “onde máis verde” está o conxunto rioxano, a pesar de que na xornada inaugural asinou un partido “moi solvente” ante o Bathco Torrelavega.

“Logroño é un auténtico equipazo, vai esixir unha das nosas mellores versións”, incidiu Nacho Moyano, que aínda non poderá contar neste partido coa súa fichaxe estrela, o pivote exipcio Omar Shériff.

Do debut ligueiro na pista do Valladolid, o técnico do Frigoríficos destacou que os seus xogadores foron capaces de sobrepoñerse a “moitas” adversidades para rescatar un punto que parecía perdido mediado o segundo tempo.

“Estando seis abaixo non tiramos a toalla, seguimos competindo e iso fala moi ben da actitude do equipo. Non creo que fixésemos un gran partido, pero o esforzo dos xogadores para levantar esa desvantaxe é de eloxiar”, apuntou.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade