Mundo Otaku Narón é punto de encontro para os amantes do anime e do manga
Mundo Otaku Narón é punto de encontro para os amantes do anime e do manga
O programa inclúe talleres, torneos e concursos de temática xaponesa
Mundo Otaku reúne en Narón un universo heteroxéneo e colorido, poboado por amantes da cultura pop xaponesa en todas as súas expresións. Hai música, anime, manga e videoxogos con acento nipón nunha feira na que triunfan os cosplayers.
Para os que aman disfrazarse, Mundo Otaku é sinónimo de liberdade, un espazo ausente de prexuízos no que poden ser eles mesmos metidos na pel dun personaxe de manga ou de anime.
A feira estivo en Arteixo en agosto e esta fin de semana instálase en Narón, con pequenos postos de arte e artesanía de temática xaponesa e obras e obxectos para gustos dispares. Hai por exemplo figuriñas tecidas a man e outras pintadas con delicadeza despois de coller forma nunha impresora 3D.
Mundo Otaku tamén é punto de encontro para os que queiran botar unhas horas inmersos nun xogo de rol ou para quen teña maña e paciencia para construír a súa propia espada láser. O programa inclúe torneos, concursos e talleres. Todo no pavillón naronés de Santa Icía.