Municipios galegos preparan a acollida duns 470 migrantes a partir do 25 de xullo
Municipios galegos preparan a acollida duns 470 migrantes a partir do 25 de xullo
Na súa maioría, foxen da guerra en Malí e contan con solicitude de asilo
Varios concellos galegos prepáranse para recibir a partir do próximo 25 de xullo unhas 470 persoas inmigrantes procedentes das Canarias e que, na súa maioría, foxen da guerra en Malí e contan con solicitude de asilo.
Segundo o trasladado polo Goberno, a previsión é que cheguen a Santiago, a Becerreá, a Ourense, a Monforte e a Allariz.
Os primeiros, uns 200, está previsto que cheguen "de forma graduada" a partir do día 25 ao albergue do Monte do Gozo da capital galega.
A alcaldesa, Goretti Sanmartín, insistiu en que a cidade é "acolledora e hospitalaria" e que "desde o primeiro momento" mostrou a súa disposición para colaborar.
"Non se pode xogar coas persoas que están a sufrir unha crise, fuxindo dos seus lugares de procedencia. O Concello sempre vai estar", afirmou.
Así mesmo, reivindicou que "calquera colaboración entre administracións" debe ser "a maneira de proceder en todos e cada un dos asuntos", pero, engadiu, "moito máis cando se fala de temas de refuxiados, de xente que ten que irse dos seus fogares".
"Unha inxección económica importante"
Pola súa banda, o alcalde de Becerreá, Manuel Martínez, augura que a chegada destas persoas será "unha inxección económica importante" para o municipio.
A esta localidade lucense está previsto que cheguen 69 persoas a partir do 31 de xullo e aloxaranse no Hotel Os Ancares.
En canto á acollida que lles dará o municipio, o rexedor mostrouse convencido de que a maioría da poboación os recibirá "con total satisfacción".