Rubén Fernández sobe ao terceiro chanzo do podio en Madrid
Rubén Fernández sobe ao terceiro chanzo do podio en Madrid
Dominio absoluto de Herlings, que chegou aos 102 grandes premios no mundial de motocrós
Jorge Prado remata no cuarto posto e mantén a primeira posición na xeral do campionato
Rubén Fernández subiu por segunda vez esta temporada ao podio. Fíxoo ademais en Madrid, diante de moitos seareiros que apoiaban os dous pilotos galegos. Jorge Prado acabou no cuarto posto, cos mesmos que Fernández pero peor clasificado na segunda carreira.
A primeira rolda foi un duelo entre Jefrey Herlings e Jorge Prado. O dos Países Baixos colleu a primeira posición e xa non a soltou, con Prado moi sólido mantendo a segunda praza e as opcións intactas para a segunda carreira. Ao que lle tocou remontar foi a Rubén Fernández, que chegou a ir oitavo despois dun comezo irregular pero conseguiu recuperar ata a quinta praza.
Na segunda rolda Rubén Fernández colleu o protagonismo cunha gran saída e marchou á fronte da proba durante vinte minutos. Jorge Prado non estivo inspirado na súa especialidade das saídas e caeu ata o sétimo posto. Subiu ata o quinto e quedou a unha posición de meterse no podio definitivo do Gran Premio.
Por diante Herlings non tivo rival. Gañou as dúas quendas demostrando que volve coller un estado de forma óptimo. Colócase a só seis puntos de Prado na xeral do campionato e gaña o seu grande premio número 102 no mundial logrando o meirande rexistro da historia.