As caídas seguen lastrando as opcións de podio de Rubén Fernández
O piloto vigués remata de sexto do Gran Premio de Sardeña despois de ir ao chan na segunda carreira
As caídas seguen lastrando as opcións de podio de Rubén Fernández, cun bo ritmo de carreira, pero sen pasar do sexto posto no Gran Premio de Sardeña.
O piloto galego viña de facer unha boa carreira de cualificación, na que ocupou a terceira praza. Pero esa boa colocación na saída non foi dabondo para coller a cabeza da proba nos primeiros xiros. Fernández viuse relegado ao oitavo posto, xusto por detrás de Gajser e Febvre, dous dos favoritos. Por diante o xuvenil Coenen pegou un recital que lle permitiu gañar a súa primeira carreira na máxima categoría. O francés Febvre remontou ata a cuarta praza e Rubén Fernández rematou no sexto posto seguindo ao líder do Mundial Tim Gajser.

A segunda carreira volveu a comezar no oitavo posto e na procura da remonta cometeu un erro que o levou ata o vixésimo posto. Tivo que remontar e adiantou nove pilotos para acabar na undécima posición. O triunfo na manga foi para Febvre que superou a Gajser por primeira vez na temporada e a un Herlings recuperado para a causa que aguantou as primeiras voltas en cabeza.
