Publicador de contidos
Publicador de contidos

Nace Adival, unha rede de dinamización da cultura no rural de Galicia

Nace Adival, unha rede de dinamización da cultura no rural de Galicia

Rueda anima as 5.000 entidades culturais do país a sumarse a este proxecto que considera "ambicioso"

G24.gal 16/03/2024 14:41 Última actualización 16/03/2024 15:27

O presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, asistiu este sábado en Santiago á presentación da Rede Adival, unha iniciativa do Goberno galego para aumentar a oferta cultural no rural, coordinando as actuacións das entidades do sector nas zonas menos poboadas do país. Nese acto Rueda dixo que é un proxecto "pioneiro e ambicioso" para dinamizar Galicia e a cultura.

Adival significa corda longa e grosa para suxeitar unha carga e iso é o que se busca coa creación desta rede: unha corda de que termar entre todos para aumentar a oferta cultural no rural, xerar emprego no sector e impulsar o turismo cultural.

"Canto máis traballamos con entidades culturais europeas urbanas e rurais, máis somos conscientes do noso potencial como sectores culturais, herdeiros da disciplina pobre, da terra", defendeu Uxío Novoneyra fillo, presidente da Fundación encargada de conservar e difundir o legado do poeta do Courel.

En Galicia hai máis de 5.000 entidades culturais sen ánimo de lucro ás que o presidente da Xunta en funcións anima a sumarse a esta rede de dinamización cultural no rural. Alfonso Rueda di que este o proxecto é unha das prioridades da próxima lexislatura e que o obxectivo é poñelo a andar este ano.

"Lanzo esta mensaxe de compromiso. Se a resposta é como a que estamos vendo isto pode ser un gran proxecto que dinamice Galicia e a nosa cultura e ao final nos faga máis grandes como pobo", afirmou o presidente.

A Rede Adival será unha asociación voluntaria que promoverá a colaboración de entidades e administracións para garantir que haxa programacións culturais regulares nas zonas menos poboadas, onde viven case dous millóns de galegos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos