Publicador de contidos
Publicador de contidos

Nace o Plan estratéxico da industria forestal-madeira

Nace o Plan estratéxico da industria forestal-madeira

Xunta e empresas irán da man nunha estratexia en que participa toda a cadea de valor forestal-madeira

Servirá para detectar nichos de mercado a través por exemplo das fibras téxtiles ou do uso da madeira como elemento estrutural na construción

G24.gal 25/10/2023 14:11

Galicia corta a metade da madeira de España. Ten un monte produtivo e ve marxe para medrar. Con ese obxectivo nace o Plan estratéxico da industria forestal-madeira, na busca dun sector máis innovador e competitivo. 

O presidente da Federación Empresarial de Serradoiros e Rematantes de Madeira de Galicia, Elier Ojea, di que "temos que buscar darlle unha transformación, un valor engadido para que os nosos produtos non saian de primeira transformación e fagan as escaleiras en Cáceres ou calquera outro sitio".

Xunta e empresas irán da man nunha estratexia en que participa toda a cadea de valor forestal-madeira. Desde o monte ata o deseño. O convenio foi asinado na consellería de Medio Rural, o Cluster da Madeira e o Deseño de Galicia, a Asociación Provincial de Empresarios da primeira transformacion da madeira de Lugo (FERMAGA) e a Federación Empresarial de Serradoiros e Rematantes de Madeira de Galicia.

Xosé Manuel Iglesias, presidente do Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia destaca que "por fin podemos coordinar todas as visións que necesita o sector forestal, non só para aproveitar as capacidades que temos senón tamén as oportunidades que nos da o mercado".

Servirá para detectar nichos de mercado a través, por exemplo, das fibras téxtiles ou do uso da madeira como elemento estrutural na construción. Unha das apostas do Goberno galego para os próximos anos. 

José González, conselleiro do Medio Rural,  di que "é que acertemos entre a administración autonómica que está impulsando o sector e o propio sector con aqueles usos que no futuro dean maior valor engadido ao noso recurso, un recurso extraordinario, e tamén defendan ao sector e á industria forestal".

O Plan conta para a súa elaboración cun orzamento de 150.000 euros e estará listo no primeiro semestre de 2024. A estratexia daralle pulo a un sector que aglutina tres mil empresas e dá emprego directo a 25.000 persoas, cunha facturación de 2.700 millóns de euros.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar