Nacho Moyano: “Puente Genil ten un equipazo”
Nacho Moyano: “Puente Genil ten un equipazo”
O técnico madrileño, novo seleccionador xuvenil masculino, espera un partido “de máxima dificultade”
O adestrador do Frigoríficos do Morrazo, Nacho Moyano, destacou que o Ángel Ximénez Puente Genil, ao que visitan este sábado, ten “un equipazo”, a pesar de sufrir a perda dalgúns dos seus mellores xogadores da pasada tempada.
“É un equipo que todos os anos adoita de ir menos a máis, habitualmente ten que facer moitos recambios no seu cadro e iso non lle axuda a empezar a liga con bos resultados. Pero é un equipo que, peza por peza, ten un auténtico equipazo, con dous xogadores de primerísimo nivel en todas as posicións salvo, quizais, no lateral esquerdo”, afirmou.
O técnico madrileño, novo seleccionador xuvenil masculino, espera un partido “de máxima dificultade” no Pavillón Municipal Alcalde Manuel Salgas, unha pista que “tradicionalmente” non se lle deu nada ben ao seu equipo.
"Alí custa moitísimo gañarlles, fanse moi, moi fortes diante da súa xente. Competitivamente están a un nivel moi alto”, indicou Moyano
O técnico ve ao seu equipo “nun bo momento” para lograr a primeira vitoria do curso en Puente Genil.