Nadia Calviño defende a "fortaleza" dos bancos españois nun contexto de "incerteza e volatilidade"
Nadia Calviño defende a "fortaleza" dos bancos españois nun contexto de "incerteza e volatilidade"
A ministra de Asuntos Económicos insistiu en que as entidades bancarias españolas teñen "liquidez e solvencia"
Desde a Confederación de Empresarios de Galicia tamén confían na "fortaleza" do sistema bancario español
Ante a "incerteza e volatilidade dos mercados financeiros internacionais", a vicepresidenta primeira do Goberno lanzou este sábado unha mensaxe de tranquilidade sobre a situación da banca española.
Nadia Calviño valorou positivamente a reacción das autoridades estadounidenses e europeas ante a "vulnerabilidade e fraxilidade dalgúns modelos bancarios". A ministra de Asuntos Económicos defendeu que as entidades bancarias españolas teñen "liquidez e solvencia".
"As autoridades reaccionaron con rapidez, con axilidade e con eficacia para evitar calquera contaxio e o Gobernador do Banco de España esta mesma semana falou alto e claro confirmando a fortaleza dos bancos españois que teñen posicións de solvencia e de liquidez, incluso superiores a outros bancos europeos", di Calviño.
Aquí en Galicia, desde a Confederación de Empresarios tamén defenden a "fortaleza" do sistema bancario español.
"Realmente para España coa incerteza que produce isto nos mercados o que fai é moita sobrerreacción. Hai que estar vixilante pero non hai que ter moita preocupación polo sistema bancario español porque está moi fortalecido e realmente as condicións que teñen os bancos españois é que están moi ben posicionados", engade Juan Manuel Vieites, presidente da Confederación de Empresarios de Galicia.