Nasr Bouchaib e Karina Callón, vencedores da San Silvestre coruñesa
Nasr Bouchaib e Karina Callón, vencedores da San Silvestre coruñesa
O Galicia en Goles conversa cos atletas que triunfaron polas rúas da cidade herculina na última proba do 2021
Este sábado a Radio Galega adicará gran parte do seu programa decano, Galicia en Goles, a repasar o acontecido por toda a nosa xeografía durante a tarde do 31 de decembro, nas carreiras pedestres que finiquitaron o 2021. Dende A Coruña a Ourense, pasando por Santiago, Ordes, Pontevedra ou Quiroga entre outras, escoitaremos a organizadores, atletas profesionais e incluso aqueles que saíron á estrada a desfrutar.
Na Coruña venceu o atleta marroquí do CD Arzúa, Nasr Bouchaib, que valoraba o seu triunfo.
"Xa coñecía o circuíto da 5K de Coruña. Xa correra antes, dende o quilómetro 6 a sete hai costa, logo era máis doado. Viña a gañar e a preparar unha proba en Écija. Quería rematar o ano cunha marca boa"
Na categoría feminina a gañadora foi Karina Callón, do CAS Sada. Con ela tamén conversou o Galicia en Goles.
"Fixen algo máis de 27 minutos. Nin parei o reloxo porque viña moi cansa. A pesar do vento, as sensacións foron boas. É moi bonito facer de novo as carreiras populares. Fíxosenos eterno. Non te podes parar a ver o entorno porque ves tan cansa que nin tempo da. Xa me tocaba gañar, nas outras ocasións rematara segunda"