Publicador de contidos
Publicador de contidos

Natación solidaria coa diabetes tipo 1

Natación solidaria coa diabetes tipo 1

A piscina do colexio Obradoiro acolleu esta iniciativa, dentro do encontro Diabetes Evolution

G24.gal 27/10/2024 14:43

En Galicia a incidencia da diabetes tipo 1 aumentou un dez por cento nos últimos anos. Esta enfermidade autoinmune case sempre debuta durante a infancia, causando un impacto moi forte nos nenos e nas súas familias. A tecnoloxía e o deporte son dous grandes aliados para eles. A práctica deportiva ten efectos antiinflamatorios e, no debut da enfermidade, prolonga o que se coñece como lúa de mel.

"Chámase así porque é un momento marabilloso, no que o control da glicosa é moito máis fácil e as necesidades de insulina son moito menores", explica Teresa Martínez, xefa do Servizo de Endocrinoloxía do CHUAC.

Para Alejandra Baliñas, con diabetes desde os catro anos, o deporte é unha medicina. Practica natación artística, con rutinas de adestramento moi esixentes. 

"Nado tres horas e saio cada corenta e cinco minutos para medirme. Se estou alta póñome microbolos de insulina e se estou baixa tomo una pastilla de dextrosa ou un pouco de zume", conta.

Os sensores de glicosa e as bombas de insulina cambiáronlle a vida. O uso da tecnoloxía en diabetes ten demostrado que mellora o control glicémico, pero ademais evita as frecuentes e molestas picadas.

"Antes estaba coa agulla e facíaseme máis difícil. Agora non me teño que picar, non teño que poñer o móbil no brazo...", detalla Candela, que ten diabetes tipo 1 desde os cinco anos.

Candela e Alejandra foron dúas das nadadoras que se botaron á piscina do colexio Obradoiro para colaborar con Brazada Solidarias, unha iniciativa que apoia o labor de Aneida, a Asociación de Nenos, Nenas e Xente Nova con Diabetes en Galicia. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade