Navantia construirá en Fene 62 jackets para un parque eólico mariño en Francia
Navantia construirá en Fene 62 jackets para un parque eólico mariño en Francia
É o maior proxecto adxudicado á división de renovables da empresa
Xerará catro millóns de horas de traballo durante dous anos
No primeiro trimestre de 2023 comezarán a fabricarse no estaleiro de Navantia en Fene 62 jackets para un parque eólico mariño no norte de Francia.
A construción destas cimentacións de aceiro de catro patas sobre as que se sustentan os muíños durará dous anos e suporá catro millóns de horas de traballo.
O encargo do grupo Ocean Wind está pendente da sinatura do contrato. É o maior proxecto adxudicado ata agora á división de enerxías renovables da empresa pública en consorcio coa privada Windar.
O estaleiro de Fene comezará a construír nuns días para a mesma empresa 14 postes eólicos dun único pé, os chamados monopiles. Navantia supera só este ano toda a contratación dos dez anos que leva no sector da eólica mariña.
"Estamos adaptando o estaleiro á demanda futura que agardamos dos nosos clientes. Este é un negocio con moita axilidade que medra moi rápido e debemos responder a esa demanda para non quedar fóra do mercado", explica o director de Diversificación de Navantia Manuel Bermúdez de Castro.
E para responder a esa demanda o estaleiro está en proceso de transformación dos talleres para facer os monopiles.
E eliminará a histórica grada dos estaleiros para aumentar nun 300 % a capacidade de traballo baixo o guindastre do pórtico.