Navarra e Cataluña continúan cos labores de extinción de varios incendios activos
Navarra e Cataluña continúan cos labores de extinción de varios incendios activos
Cataluña rexistrou máis de 200 focos na última semana
Navarra mantén o nivel 2 de alerta
Os dispositivos de extinción de Navarra seguen a traballar nos incendios declarados na tarde de onte na zona de Puente La Reina que obrigaron a desaloxar os veciños de varias urbanizacións en tres localidades. O lume chegou á entrada da poboación, onde queimou este camión cisterna.
O vicepresidente do goberno foral, Javier Remírez, insistía en que a situación é preocupante. Pediulles aos peregrinos que fan esta etapa do Camiño francés precaución e en xeral á poboación que permaneza nas casas para que os servizos de urxencia poidan transitar. Está activado o nivel 2 de alerta para o que queda de xornada ante as condicións meteorolóxicas de vento e temperaturas, que seguirán sendo altas.
En Cataluña, os bombeiros da Generalitat temen tamén os refachos de vento de ata 70 quilómetros por hora que marcan as predicións para esta tarde na zona de Artesa del Segre, en Lleida. É o único incendio que segue activo despois de que se conseguiran estabilizar os focos que comezaron este sábado. A de hoxe é a quinta xornada de incendios na comunidade.
Pola súa banda, o goberno de Aragón deu por estabilizados os lumes activos en Nonaspe e Barbastro, e a maior parte dos veciños desaloxados nesta localidade puideron xa volver ás súas casas.