Nayib Bukele é investido para un segundo mandato consecutivo no Salvador
Nayib Bukele é investido para un segundo mandato consecutivo no Salvador
Actores políticos e sociais do país non recoñecen a legalidade da reelección por ser contraria á Carta Magna
O presidente do Salvador, Nayib Bukele, foi investido este sábado polo Congreso para un segundo mandato consecutivo (2024-2029), malia a prohibición constitucional, cun amplo apoio popular e con queixas pola situación económica do país.
"Si, xuro", respondeu Bukele ao líder da Asemblea Lexislativa, Ernesto Castro, que lle impuxo a banda presidencial no centenario Palacio Nacional.
No acto pechado ao público, transmitido pola cadea nacional, estiveron presentes varios dirixentes e xefes de estado, entre eles o rei de España, Filipe VI, e o presidente da Arxentina, Javier Milei.
Fóra, na Praza Capitán Xeral Gerardo Barrios, centos de persoas, entre convidados especiais de diferentes sectores do país e internacionais, simpatizantes de Bukele e do partido oficialista, Nuevas Ideas (NIN), agardaban o seu discurso.
Bukele convértese así no primeiro presidente da etapa democrática do Salvador en ser reelixido para un segundo período consecutivo, tras décadas de ditadura militar e unha guerra civil de 12 anos (1980-1992).
Contrario á Carta Magna
Diversos actores políticos e sociais do Salvador non recoñecen a legalidade nin a lexitimidade do segundo mandato de Bukele por ser contrario á Carta Magna.
Bukele, empresario do sector da publicidade de 43 anos, impúxose nos comicios do 4 de febreiro pasado con máis do 85 % dos votos válidos a pesar de que a Constitución prohibe a reelección inmediata.
Presentouse logo de que a Sala do Constitucional da Corte Suprema de Xustiza, elixida pola lexislatura 2021-2024 sen seguir o proceso legal establecido, emitira un documento no que cambiaba o criterio de interpretación da Constitución.
De acordo coa resolución, que non ten efectos xerais e non é de obrigado cumprimento por non ser un veredicto, Bukele non debía agardar dez anos para buscar a reelección.
O último presidente salvadoreño en reelixirse para un segundo período consecutivo foi o ditador e xeneral Maximiliano Hernández Martínez, que gobernou entre 1931 e 1944, e deixou o poder tras unha folga xeral.