Publicador de contidos
Publicador de contidos

A primeira empresa galega de cultivo vertical en interior produce alfábega

A primeira empresa galega de cultivo vertical en interior produce alfábega

Menos gasto de auga e menos pegada ecolóxica son as bazas desta agricultura que máis que do futuro é xa do presente

G24.gal 28/12/2024 14:27 Última actualización 28/12/2024 15:22

Néboda Farms, nunha nave industrial en Sárdoma, leva cinco anos sendo unha realidade. Os dous cofundadores da empresa tiveron a visión de considerar que a agricultura vertical de interior é a maneira máis eficiente de producir. Xa comercializan alfábega.

Reduce nun 90 % o consumo de auga e reduce a pegada ecolóxica ao evitar a deforestación, a degradación do chan e as emisións de CO2. Ademais, ao crear as condicións ideais artificialmente nun laboratorio, evitan os pesticidas e producen os 365 días do ano.

Falamos dunha start up galega. Non esperen ver os andares ata o teito de alfábega porque ao tratarse dun sistema exclusivo, o segredo industrial prima sobre a imaxe. Non podemos gravar o interior.

O que si podemos ver é a alfábega. A produción xa está totalmente vendida a un distribuidor único.

"Podemos producir coa mesma calidade e consistencia durante os 365 días do ano, e iso é algo moi relevante dende o punto de vista do consumidor, aportando ademais desta dispoñibilidade durante todo o ano un produto dunha calidade superior principalmente en termos de vida útil. Neste tipo de produto é algo moi relevante e moi cobizado polo consumidor", conta Iván García, o CEO de Néboda Farms.

Ao producir en vertical con menos metros de terra producen máis, 150 veces máis que na agricultura tradicional. Ademais, co cambio climático, acaban con dous dos grandes problemas, a escaseza de auga porque a usan en circuíto pechado e as emisións industriais de CO2.  

"En canto ao uso do CO2 extraemos CO2 do aire, inxectámolo nas plantas e iso acelera o crecemento das plantas  e a produtividade. Fai que incluso se nutran mellor. E ao fin restamos CO2. Iso mata dous paxaros dun tiro, suma na produtividade das plantas e resta CO2 de ambiente", explica á TVG Roberto Estévez, o director de operacións de Néboda Farms.

Hoxe só xeran alfábega saborosa e fresca pero no medio e longo prazo, co mesmo sistema de agricultura vertical en interior producirán outras herbas aromáticas e vexetais de folla como leituga ou tomate e froitos como fresas.

A produción a pequena escala de hoxe poderá ser nun futuro a competencia por exemplo das ensaladas envasadas.  

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade