Negueira de Muñiz, o único concello galego que vota con listas abertas
Negueira de Muñiz, o único concello galego que vota con listas abertas
Se segue gañando poboación, podería ser a última vez que elixan nominalmente nas municipais
A lei electoral reserva o sistema de listas abertas para concellos de menos de 250 habitantes
Encaixado entre Galicia e Asturias, o municipio lucense de Negueira de Muñiz fai das súas eleccións municipais un caso único en Galicia.
Con menos de 250 veciños, no censo publicado parta estes comicios, o domingo acoden con listas abertas en que cada veciño pode votar nominalmente, o candidato que sexa do partido que sexa e un máximo de catro.
Cren que "é o xeito máis democrático de facer unha votación. Vótase as persoas. E logo os cinco concelleiros que saen elixen o alcalde. Creo que se expresa perfectamente. É un sitio moi pequeniño". A outra veciña parécelle "mellor porque é máis concreto, máis directo para poder elixir a persoa. Non estás votando un partido".
Comprobámolo nas papeletas coas que van votar. Aparecen todos os compoñentes de cada candidatura. A carón un cadro para marcar.
A corporación quedará integrada polos cinco máis votados, que son os que elixen cal deles será alcalde.
O rexedor actual, José Manuel Baña pensa "que evolucionou bastante. Nas primeiras era moi corrente ver a mesma lista, cuberta co mesmo grupo e agora non, a xente agora ten as súas preferenzas".
Este podería ser o último ano que votan nominalmente. Negueira de Muñiz segue gañando poboación e podería superar os 250 habitantes, o máximo que marca a lei electoral para o sistema de listas abertas.