Publicador de contidos
Publicador de contidos

Nervión Naval fabricará en Galicia velas ríxidas para grandes buques de toda Europa

Nervión Naval fabricará en Galicia velas ríxidas para grandes buques de toda Europa

O primeiro cargueiro do mundo con este tipo de propulsión eólica avanzada fai dobre escala en Galicia e hoxe descarga cereal no porto exterior da Coruña

As súas velas son un prototipo dunha empresa británica e fabricaranse nas Somozas para toda Europa

G24.gal 06/03/2024 14:02

O cargueiro que acaba de arrimar en punta Lagosteira, en Arteixo, ten 229 metros de eslora e só en Marín liberou 19.000 toneladas de carga de cereal e legume procedente do Brasil. Pero polo que o Pyxis Ocean é único no mundo e polo seu sistema de propulsión. A súa tecnoloxía eólica permite aforrar un 30 % en combustibles fósiles. E esas velas, un prototipo dunha empresa británica, vanse construír nas Somozas.

"Teñen unha parte metálica e outra que é de fibra. Velas ríxidas, windwings, que se chaman, e asinamos un contrato con Bar Technologies, a empresa matriz, para facernos cos dereitos de fabricación, subministración e comercialización en toda Europa", informou Diego Méndez, o director de operacións do Grupo Amper-Nervion Naval Offshore.

As velas poden xirarse 360 graos para adaptalas ao vento e 90 graos ocultalas baixo a cuberta e facilitar a descarga. A conselleira de Industria declarou que se trata dunha tecnoloxía innovadora que avanza nos obxectivos da descarbonización.

"Pero tamén desde o punto de vista da industrialización e do emprego que pode supoñer para Galicia, esta tecnoloxía é punteira. É o primeiro cargueiro que funciona con esta tecnoloxía punteira e que aforra un 30 % de combustibles fósiles", engadiu María Jesús Lorenzana, a Conselleira de Economía e Industria.

O Grupo Nervión está agora na fase de adaptar as súas instalacións nas Somozas para a fabricación destas velas, e de pechar contratos coas navieiras e con estaleiros de toda Europa para realizar a montaxe en destino.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade