Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Exército israelí ataca 200 obxectivos de Hamas nas últimas 24 horas

O Exército israelí ataca 200 obxectivos de Hamas nas últimas 24 horas

Netanyahu agradece a Biden a influencia dos EUA nunha resolución da ONU que non pide tregua

Os bombardeos na Franxa deixan o maior saldo de vítimas nun conflito en territorio palestino

G24.gal 24/12/2023 08:59 Última actualización 24/12/2023 09:31

As tropas israelís atacaron nas últimas 24 horas máis de 200 "obxectivos terroristas" do grupo islamita Hamas na Franxa de Gaza, incluído un almacén de armas dentro dun complexo civil, ademais de eliminar a varios milicianos.

"Cintos explosivos adaptados para nenos, ducias de cunchas de morteiro, centos de granadas e documentos de intelixencia atopáronse dentro do complexo civil, que estaba situado adxacente ás escolas, unha mesquita e unha clínica médica", indicou un portavoz militar sobre ese almacén de armas atopado nun lugar sen especificar no norte do enclave palestino.

Segundo as forzas de seguridade hebreas, na última semana detiveron máis de 200 "terroristas", tanto de Hamas como da Xihad Islámica, e case 800 desde o inicio da guerra.

Nas últimas 48 horas morreron trece soldados en Gaza, nunha das xornadas máis letais nas filas israelís. Dende o inicio da ofensiva terrestre faleceron 152 militares en combate, superando os 119 que faleceron na guerra do Líbano de 2006, segundo as cifras oficiais do Exército.

Os bombardeos na Franxa causaron a morte de máis de 20.200 persoas (máis do 70 % civís, incluídos máis de 8.000 menores), o maior saldo de vítimas que ningún outro conflito deixou en territorio palestino, segundo o reconto do Ministerio de Sanidade gazatí, controlado por Hamas. 

Agradecemento de Netanyahu

O primeiro ministro de Israel agradeceulle ao presidente dos Estados Unidos, Joe Biden, a posición do seu país no Consello de Seguridade da ONU, que emitiu unha resolución para impulsar a entrada de axuda humanitaria en Gaza sen pedir un cesamento do fogo na guerra contra Hamas.

Benjamín Netanyahu "tamén deixou claro que Israel continuará a guerra ata que se cumpran todos os seus obxectivos", é dicir, a destrución de Hamas e o rescate de todos os reféns que seguen cativos na Franxa polo grupo islamita, informa nun comunicado a oficina do mandatario.

Segundo un comunicado da Casa Branca, Biden "salientou a necesidade de protexer" a poboación civil de Gaza e o persoal humanitario e facilitar a súa saída das áreas de combate.

Ambos os dous líderes abordaron tamén as negociacións para lograr a liberación dos reféns que permanecen secuestrados por Hamas e acordaron manter consultas periódicas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade