Publicador de contidos
Publicador de contidos

Netanyahu promete seguir coa ofensiva en Gaza tras 100 días de guerra

Netanyahu promete seguir coa ofensiva en Gaza tras 100 días de guerra

O primeiro ministro israelí di que "non parará", malia a protesta multitudinaria das familias dos reféns 

Milleiros de persoas reclaman en Washington un cesamento do fogo e evacúan a Casa Branca de persoal non esencial

Na Franxa, sumida nunha catástrofe sen precedentes, seguen os bombardeos e agudízase a crise humanitaria

G24.gal 14/01/2024 09:00 Última actualización 14/01/2024 18:35

Cando se cumpren 100 días de guerra na franxa de Gaza, o primeiro ministro israelí, Benjamín Netanyahu, promete seguir "ata a vitoria" malia a presión das familias dos 136 reféns que permanecen no enclave.

"A guerra non parará nin pola Haia, nin polas ameazas do eixe do mal", afirmou nunha declaración televisada á nación.

As familias das persoas retidas polo grupo islamita Hamás convocaron este sábado unha protesta multitudinaria de 24 horas en Tel Aviv para esixiren un acordo que permita a súa liberación.

Tamén houbo protestas noutras cidades como Xerusalén, Haifa, Netanya ou Cesarea, para pedir eleccións anticipadas e desprazar a Netanyahu do poder, descontentos coa súa xestión da crise.

Evacuación na Casa Branca

Fóra de Israel, milleiros de persoas saíron ás rúas para reclamar un cesamento do fogo en Gaza. En Washington, unha manifestación multitudinaria rematou diante da Casa Branca e o Servizo Secreto dos Estados Unidos ordenou a evacuación temporal do persoal non esencial.

Desde que comezou a guerra, xa morreron máis de 23.800 persoas no enclave palestino por mor dos bombardeos israelís e máis de 1,9 millóns de persoas (o 85 % da poboación) tivo que se desprazar dos seus lugares de orixe.

Este domingo na Franxa proseguen os ataques xudeus mentres se agudiza a crise humanitaria. Nas últimas horas, faleceron polo menos 135 persoas, a maioría na área de Jan Yunis, onde se concentran os combates.

Estímase que hai ademais uns 8.000 corpos baixo os entullos e máis de 60.000 persoas feridas, segundo o ministerio de Sanidade, controlado por Hamás. O Goberno gazatí di que son necesarios 1.300 camións de alimentos diarios para atender as necesidades básicas dunha poboación extenuada.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade