Neve por riba dos 600 metros nas montañas de Lugo e Ourense
Neve por riba dos 600 metros nas montañas de Lugo e Ourense
Só en Lugo, as máquinas quitaneves e operarios traballan para que se poida circular en máis de 60 estradas
As máquinas quitaneves traballan na zona do Cebreiro. A montaña de Lugo amencía cuberta de branco e unha trintena de vehículos da deputación provincial encárganse de manter limpas máis de 70 estradas de preto dunha ducia de concellos.
O dispositivo viario invernal despregado pola Deputación de Lugo para manter limpas as estradas da rede viaria provincial está a traballar este venres en máis de setenta estradas de once municipios da Montaña, por mor das nevaradas da pasada madrugada.
“Para facilitar a circulación e garantir a seguridade ante os efectos do temporal”, informou a institución provincial aos medios de comunicación, a Deputación de Lugo mantén despregados 48 operarios e 32 máquinas e vehículos.
Trátase, aclara, “de paliar os efectos das inclemencias meteorolóxicas na rede viaria provincial”.
Os municipios máis afectados son Baleira, Becerreá, Folgoso do Courel, A Fonsagrada, Cervantes, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro, Quiroga e Samos.
O dispositivo de seguridade mobilizado pola Deputación está formado por 48 operarios, 16 máquinas quitaneves e 8 vehículos todo terreo -equipados con dispositivos para esparexer sal e cuña quitaneve- e 8 outros oito vehículos de apoio con útiles de intervención rápida.
Así mesmo, os 12 silos de sal da Deputación dispoñen de 35 toneladas cada un para desfacer as placas de xeo que hai no firme e favorecer así a seguridade dos usuarios e usuarias das vías.
A Deputación de Lugo mantén activo o dispositivo que puxo en marcha este mércores pola tarde ante a previsión de nevadas, que permanecerá traballando, polo menos, durante toda a fin de semana.
A borrasca Louis tamén tinguiu de branco a montaña de Ourense os termómetros chegaron a caer ata os 5 graos baixo cero na Veiga ou en Manzaneda e non acadaron valores positivos ao longo de todo día.
Unha normalidade que complicou a circulación sobre todo acceder as aldeas das zonas máis altas.
O aviso amarelo por nevaradas mantense activado non só na montaña senón tamén no sur da provincia de Ourense ata este sábado ao mediodía.
A estación de Montaña reabrirá esta fin de semana con polo menos dúas pistas para a práctica do esquí.