No rural padeceron os efectos do apagamento nas granxas e temeron polos conxeladores
Tres concellos do Courel e catro do sur da Coruña foron os últimos en recuperar a subministración
Temen que aumente a mamite nas granxas de vacas que perderon quendas de muxidura
Desde primeira hora da mañá Juan Carlos Pérez, un veciño de San Xoán de Río, foi buscando un punto con conexión de telefonía móbil para deixar constancia de que nesta zona do Courel lindeira entre Lugo e Ourense seguían sen subministración eléctrica nin telefónica.
Aquí, amais de San Xoán de Río tamén Chandrexa de Queixa e A Pobra de Trives seguían sen cobertura de luz e telefonía. Outros catro concellos do sur da Coruña, Toques, Melide, Santiso e Touro, estaban nas mesmas a esas horas da mañá, segundo a Delegación do Goberno.
No resto das zonas rurais de Galicia xa se fora restablecendo o servizo ao longo da noite e a mañanciña, pero a demora tensou moito a situación, sobre todo nas explotacións agrarias. A Gandería Caetano de Coristanco é un exemplo do que pasou en moitas granxas porque non teñen grupos electróxenos propios e tiveron que saltar quendas de muxidura.
"Grazas que veu a luz ás seis e puidemos muxir, pero as vacas estiveron catorce horas sen muxir e os problemas van vir agora".
Temen, di Óscar Castro, un dos gandeiros desta explotación, que ao estar tantas horas sen muxir aumenten os padecementos de mastite. Tamén o pasaron mal porque non puideron darlles de comer ás crías, conta María Fernández, outra das responsables da granxa.
"A amantadora dos becerros é eléctrica e o leite de onte houbo que tiralo porque o tanque estivo apagado e derramouse".
Din que tiveron que armarse de paciencia porque onte facerse cun equipo electróxeno resultou tarefa imposible tanto no mercado local coma no global, conta Óscar Castro.
"Incomunicados total, sen Internet e sen poder chamar para ter unha solución, e ao final tivemos que esperar a que viñera cando viñera".
Houbo lugares onde a falta de electricidade repercutiu no abastecemento de auga, e iso complicou a maiores os labores de limpeza e a salubridade das granxas.
