A Axencia de Supervisión da Intelixencia Artificial bota a andar no verán
A Axencia de Supervisión da Intelixencia Artificial bota a andar no verán
Antes hai que acondicionar a sede, no edifico da Terraza, redactar estatutos e contratar persoal
Un dos impulsores, o catedrático Marcos Ortega, cre que a AESIA atraerá novos proxectos
O próximo verán comezará a funcionar na Coruña a Axencia Estatal de Supervisión de Intelixencia Artificial (AESIA), a primeira que se vai poñer en marcha en toda Europa.
Un dos promotores da sede coruñesa, o catedrático Marcos Ortega, asegura que o impacto en Galicia vai ser moi positivo porque nos sitúa no mapa internacional da Intelixencia Artificial, o que se traducirá en máis investimentos e novos empregos.
Un mes despois da elección da Coruña como sede da AESIA, chega o momento de comezar os trámites para poñela en marcha.
Segundo o coordinador do nodo galego de IA, a plataforma que promoveu a candidatura, as Administracións terán que poñerse de acordo para acondicionar o edificio da Terraza, nos xardíns de Méndez Núñez, pactar uns estatutos que regulen o seu funcionamento e contratar o persoal.
Marcos Ortega cre que no segundo semestre do ano esta axencia supervisora poderá estar xa a pleno rendemento.
"A principios da segunda metade do ano, sobre xullo..., ao redor do principio do verán pode estar xa en funcionamento, o que está claro é que este ano ten que estar a pleno rendemento e debe ser unha axencia que sirva como guía para outros proxectos desta índole que van vir, porque é inevitable, é un mandato da UE e nese sentido España é pioneira".
Este organismo supervisará a implantación da IA na sanidade, a industria, o comercio ou a educación. Os seus promotores cren que a localización desta axencia na Coruña atraerá máis empresas tecnolóxicas, investimentos e creará máis de 1.000 postos de traballo.