Non serve con fumar menos: para atallar o risco cardíaco hai que deixalo de todo
Non serve con fumar menos: para atallar o risco cardíaco hai que deixalo de todo
Fumar mata ao ano 8 millóns de persoas no mundo
Os que deixan de fumar rebaixan un 50 % o risco de sufrir unha cardiopatía ou ictus
Segundo a OMS, o tabaco será a causa de morte da metade dos fumadores se non abandonan o hábito. E ollo porque non serve con reducir e fumar pouco. Para reducir á metade o risco cardiovascular hai que deixalo de todo. Do contrario, aínda que reduzamos o consumo, ese risco segue aumentando un 8 % cada ano que pasa. É a principal advertencia do informe Clarify de 2024, da Sociedade Europea de Cardioloxía.
Ademais, fumar menos deixa a percepción errónea de que un se está coidando e pode prolongar a dependencia.
"Os que fuman pouco teñen máis confianza que as persoas que fuman 20 ou 30 cigarros ao día de que o seu consumo non é tan importante, e cústalles máis tomar a decisión de deixar de fumar por completo", explica Ana López Durán, psicóloga da Unidade de Tabaquismo das USC
"Polo xeral déixano cando teñen un susto, normalmente un infarto ou un evento isquémico a nivel cerebral. Cando deberiamos de deixalo? Xa, hoxe", declarou Amparo Martín, cardióloga do CHUS
Os beneficios son inmediatos.
"Mellora a capacidade pulmonar, de moverse, de facer exercicio; diminúe o risco dun problema cardiovascular ou un ictus; diminúe o risco de cancro", dixo Amparo Martín, cardióloga do CHUS.
"E a nivel de saúde mental, sabemos que a sintomatoloxía depresiva e ansiosa mellora cando deixamos de fumar", engadiu Ana López Durán, psicóloga da Unidade de Tabaquismo das USC
O máis importante é non iniciarse no hábito, que volve estar aumentando entre a xente nova.