Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Unidade de Tabaquismo da USC mellora a eficacia dos tratamentos cunha app para deixar de fumar

A Unidade de Tabaquismo da USC mellora a eficacia dos tratamentos cunha app para deixar de fumar

O 77 % dos pacientes que apostaron pola terapia en liña conseguiron deixar de fumar

O informe de resultados acaba de publicarse na prestixiosa revista científica Nicotine&Tobacco

A app 'SinHumo' é un complemento ás sesións de terapia psicolóxica para deixar de fumar
G24.gal 23/04/2024 14:53

Case o 80 por cento dos que usaron a app galega para deixar de fumar conseguírono. Deseñárona na Unidade de Tabaquismo da USC, no marco dun proxecto de investigación que comezou en 2021. Agora que está rodada, conclúen que incluso mellorou a eficacia dos tratamentos convencionais.

Segundo explica o director da unidade, Elisardo Becoña, o éxito débese a que esta nova ferramenta permitiu "chegar a ese grupo que lle custaba vir ás sesións, e a esa xente que lle custaba manterse abstinente, porque a app sérvelles de complemento". Cre que, ademais, ao ser algo innovador, "a xente apúntase máis e motívase máis".

Así que nesta unidade, creada en 1984, a maioría dos tratamentos agora fanse a distancia. Son dous meses, cunha sesión de terapia semanal por videochamada e esta app con contidos de apoio.

"Por exemplo -di Becoña-, teño ganas de fumar e non son capaz de controlalo, pois danse estratexias. Ou teño ganas de comer, pois danse consellos". A app ten elementos para facerlle fronte "a situacións de ansiedade e de estrés", explica.

E, ao estar sempre dispoñible, motiva para seguir e axuda a non recaer: "Recaen menos, conseguen mellor deixar de fumar", afirma o director da Unidade de Tabaquismo. Cre que é debido a que os pacientes acceden a "un recurso tecnolóxico que lles gusta", e que "favorece o proceso de cambio". Para el, o apoio da app "repercute positivamente en abandonar o consumo de tabaco e manterse abstinente". 

Con estas ferramentas de terapia a distancia rebaixaron a media de idade dos pacientes e conseguiron chegar a toda España. Tratan unhas 300 persoas ao ano para axudalas a deixar esta adicción: din que en Galicia o tabaco causa 9 mortes ao día.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade