Publicador de contidos
Publicador de contidos

A USC recupera textos xacobeos inéditos anteriores ao Códice Calixtino

A USC recupera textos xacobeos inéditos anteriores ao Códice Calixtino

Son versións novas do relato da translación do Apóstolo achadas fóra de España

G24.gal 26/10/2024 14:42

O profesor de Filoloxía Latina e investigador da Universidade de Compostela Joel Varela púxose á busca de textos xacobeos anteriores ao Códice Calixtino e atopou moito material, entre el catro manuscritos inéditos do século XI sobre a translación do apóstolo Santiago gardados fóra de España.

"É algo moi curioso porque, aínda que os textos se escribiron sen dúbida en Santiago de Compostela, conserváronse unicamente en manuscritos de fóra da península. Concretamente nalgunhas bibliotecas de Múnic, de Florencia e de Copenhague", puntualiza o investigador.

O investigador reuniu os achados nun libro, en que ademais de recoller os textos antigos, tradúceos e coméntaos. 

"Ou ben non estaban editados, ou ben non estaban traducidos, ou ben estaban dispoñibles soamente en edicións de difícil acceso, e este libro permite o acceso a estes textos de forma conxunta cunha tradución e un comentario", explica Joel Varela.

O libro pódese adquirir a través da web da USC en pdf ou en formato físico e algunhas librerías xa se fixeron tamén con el. Pero a investigación continúa. Joel Varela dá por feito que aínda hai textos por descubrir e moito que estudar para seguir coñecendo aspectos do culto xacobeo, mesmo no propio Códice Calixtino.

"Non o sabemos todo polo que se refire aos seus obxectivos, ao seu proceso de redacción e a quen interveu nesa redacción", engade o profesor.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade