A Xunta investiu máis de 27 millóns de euros en material para emerxencias na última década
En Galicia hai máis de 200 agrupacións de voluntarios de protección civil, e a Xunta entregoulles novo material para seguir desenvolvendo o seu labor
Alfonso Rueda agradeceu o traballo dos profesionais galegos das emerxencias que axudaron na DINA de Valencia
As agrupacións de Protección Civil de 84 concellos galegos e tres mancomunidades veciñais recibiron novo material de traballo: vehículos e ferramentas coas que poder seguir axudando aos cidadáns. Desta volta a Xunta investiu case medio millón de euros. O Goberno galego destaca que as agrupacións de Galicia son das mellor equipadas.
O conselleiro de Presidencia, Diego Calvo explica que nos "últimos dez anos investimos máis de 27 millóns de euros en material para as emerxencias, en concreto 15 millóns para as agrupacións de voluntarios de Protección Civil. Este ano entregamos remolques, carpas, ferramentas eléctricas e ferramentas de sinalización viaria".
O presidente da Xunta quixo recoñecer de novo o traballo dos profesionais galegos das emerxencias que axudaron na DINA de Valencia. Alfonso Rueda asegurou que "todos os que estiveron alí, nos primeiros días, nos máis necesarios, deron un exemplo de preparación e de entrega".
En Galicia hai máis de 4.400 voluntarios de Protección Civil. O presidente galego reivindicou o seu "compromiso e espírito de servizo".