A suba da temperatura media en dous graos aceleraría os fenómenos extremos
A suba da temperatura media en dous graos aceleraría os fenómenos extremos
O inverno foi 1,8 graos máis cálido do habitual e a AEMET prognostica que a primavera tamén o será
As principais cidades galegas e o sector do mar serían os grandes prexudicados do aumento da calor
O inverno foi 1,8 graos máis cálido do habitual en Galicia. Os expertos sinalan que o aumento das temperaturas ten consecuencias: vagas de calor, precipitacións extremas, secas, aumento do nivel do mar e da temperatura nos océanos. E, se se supera o límite dos 2 graos, aceleraranse estes fenómenos extremos.
"As cidades son os lugares aos que lles hai que prestar máis atención porque poden ser máis vulnerables. Cidades como Ourense, Vigo, Pontevedra ou Santiago, por episodios de calor ou chuvias torrenciais", asegura Alberto Martí Ezpeleta, profesor da USC e presidente da Asociación Española de Climatoloxía.
As vagas de calor teñen consecuencias para a saúde e aumentan os ingresos hospitalarios. Desde o punto de vista económico, aínda que poderían ter unha parte positiva para sectores como o do turismo ou o agro, para o do mar sería prexudicial.
"Moluscos como os mexillóns sufrirían máis tensión térmica e medrarían menos. Aparecerían, como xa están aparecendo, especies exóticas e invasoras que poden prexudicar as especies autóctonas das que vive o sector da pesca e do marisqueo".
Chegados a este punto, e ante a previsión de que a primavera sexa tamén máis cálida do habitual, di que hai que tratar de frear o aumento das temperaturas, conservando os océanos e os bosques.