Publicador de contidos

Publicador de contidos

A neve e a chuvia obrigan a extremar a precaución ao volante esta Semana Santa

A neve e a chuvia obrigan a extremar a precaución ao volante esta Semana Santa

A neve causa problemas para circular na A-52 entre as provincias de Ourense e Zamora

A DXT calcula que circularán nove millóns de vehículos polas estradas españolas; 720.000 polas vías galegas segundo a Subdelegación do Goberno na Coruña 

O 061 pide precaución aos condutores e lembra que a Semana Santa de 2024 atenderon 78 persoas en 62 accidentes de tráfico

directo
EFE 16/04/2025 11:26 Última actualización 16/04/2025 15:04

Comeza a segunda fase da operación especial de tráfico de Semana Santa, o maior movemento de coches do ano nun período curto de tempo, con nove millóns de viaxes previstas ata o luns, segundo as estimacións da Dirección Xeral de Tráfico (DXT).

Salvo en Cataluña e a Comunidade Valenciana, cando a operación saída comezará o xoves, no resto espérase a partir do mediodía un notable incremento do tráfico, especialmente nas saídas das grandes cidades.

A neve causa problemas para circular na A-52 entre as provincias de Ourense e Zamora

A neve causou problemas para circular e condicionou o tráfico na autovía A-52 entre as provincias de Ourense e Zamora a media mañá deste mércores, cando se chegou a prohibir o paso de camións e vehículos artigos. Así, a DXT informaba a primeira da necesidade de ter precaución debido á nevada entre os puntos quilométricos 90 e 110 da autovía, na zona do Padornelo.

A media mañá establecíase o nivel amarelo nesa zona, coa prohibición de acceso a camións e vehículos articulados, e informábase de que se procedía ao 'embolsamento' de camións no quilómetro 79, sentido Ourense. Pasado o mediodía, a A-52 recuperou o nivel verde e é transitable nese punto, pero a DXT pediu extremar a precaución ao volante.

Por outra banda, a Deputación de Ourense informou de que os equipos de Vialidade Invernal traballan desde primeira hora da mañá na retirada de neve da rede viaria provincial en Trives, Manzaneda e Montederramo, tras as nevadas da pasada madrugada.

"Poñamos os nosos sentidos nas estradas", piden desde a Subdelegación do Goberno

Segundo a DXT, o 13 por cento dos desprazamentos que se produzan en toda España desde hoxe e ata o luns terán lugar en Galicia. A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, calcula que serán "máis de 720.000" e pide "máxima precaución e prudencia" aos condutores.

"Recomendamos que antes de iniciar unha viaxe consulten o tempo e o estado das estradas polas canles oficiais evitando na medida do posible aqueles momentos de maior circulación", afirma. "Poñamos todos os nosos sentidos nas estradas".

O 061 pide precaución aos condutores

Urxencias Sanitarias de Galicia-061, o servizo que coordina e xestiona as urxencias e emerxencias sanitarias, pide precaución nas estradas esta Semana Santa.

Nun comunicado, lembran que en 2024 asistiron 78 persoas en 62 accidentes de tráfico ocorridos nas estradas galegas. En 63 casos os feridos foron trasladados aos centros hospitalarios correspondentes, 14 foron asistidas no lugar do sinistro e unha persoa faleceu no punto.

Desde o 061 aconsellan en caso de accidente facilitar aos servizos de emerxencia "toda a información relevante", e despois "seguir as indicacións transmitidas polo persoal sanitario ata a chegada dos recursos especializados".

"O que non se debe facer nunca é poñer en perigo a propia vida", afirman. "Para iso, antes de atender aos accidentados, hai que adoptar as medidas de seguridade idóneas, para evitar novos accidentes". 

A mañá do Xoves Santo, o peor momento para viaxar

A franxa horaria máis desfavorable para emprender a viaxe este mércores será entre a unha da tarde e as once da noite. Mañá desde primeira agárdase tráfico lento, especialmente entre as sete da mañá e as tres da tarde.

Durante o Xoves Santo, as peores horas para viaxar serán entre as doce do mediodía e as once da noite.

O venres a maior intensidade darase nos municipios con tradición relixiosa de Semana Santa

O Venres Santo, pola súa banda, tamén haberá desprazamentos cara a zonas de descanso desas dúas comunidades, polo que se prevé que haxa problemas de tráfico, mentres que no resto do país espéranse movementos curtos cara a zonas de lecer próximas ás cidades.

Pola tarde, a DXT espera un aumento dos traxectos locais cara a municipios onde se celebran actos relixiosos, o que podería xerar conxestións puntuais.

Retornos graduais durante o sábado e o domingo

Durante a mañá do sábado 19 de abril haberá dificultades especialmente en estradas costeiras e de curto percorrido, e pola tarde produciranse os primeiros retornos de longo percorrido con tráfico intenso nalgunhas estradas.

O groso do retorno terá lugar o domingo 20 de abril. A partir de media mañá espéranse complicacións en zonas turísticas, que irán trasladándose durante a tarde a estradas con destino a núcleos urbanos, principalmente entre as once da mañá e as once da noite.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade