Nove vehículos implicados e catro feridos leves en dúas colisións na A-8 pola néboa
Nove vehículos implicados e catro feridos leves en dúas colisións na A-8 pola néboa
As colisións producíronse a 400 metros de distancia
Os feridos foron trasladados aos hospitais de Burela e Lugo
A néboa provocou esta mañá varias colisións de vehículos en cadea no alto do Fiouco, na A-8, en Mondoñedo. O 112 confirmaba que 9 vehículos estiveron implicados nos accidentes e 4 persoas quedaron feridas leves.
A primeira colisión ocorreu no quilómetro 544,4 á altura da parroquia de Argomoso ás once e media da mañá. Neste accidente víronse implicados 3 vehículos e catro persoas quedaron feridas leves, segundo confirmou o 112.
Pouco despois, a só 400 metros producíase unha segunda colisión tamén por alcance e falta de visibilidade, con seis coches implicados e sen feridos.
No momento dos accidentes a brétema era moi intensa, o que impedía ver os vehículos que bateran antes na calzada cos que acababan colidindo.
Os feridos foron trasladados aos hospitais de Lugo e Burela. E ao accidente acudiron os bombeiros de Vilalba e Barreiros, Protección Civil, Policía Local e Garda Civil, ademais das ambulancias.
A autovía estivo cortada nos dous sentidos ata pasadas as dúas e media da tarde. Agora mantense aberta con aviso de circulación difícil por pouca visibilidade.
Precisamente este sinistro prodúcese nunhas condicións similares ao ocorrido hai unha década nese mesmo lugar con 39 vehículos implicados, unha muller morta, catro feridos graves e 27 leves.
Desde entón os elementos instalados na estrada para iluminar mellor a vía e as restricións de velocidade non son suficientes para evitar a escaseza de visibiidade polo que é preciso cortar a autovía e desviar o tráfico por estrada cando a brétema é intensa.