Núñez Feijóo chamará a Pedro Sánchez para solicitarlle unha reunión
Núñez Feijóo chamará a Pedro Sánchez para solicitarlle unha reunión
O PSOE acepta reunirse con Feijóo, sen aclarar se será Sánchez quen acuda ao encontro
O presidente do PP e candidato á presidencia do Goberno inicia este luns contactos en busca de apoios para a súa investidura
O líder do PP e candidato á presidencia do Goberno, Alberto Núñez Feijóo, chamará "nas próximas horas" ao presidente do Goberno en funcións, Pedro Sánchez, no marco da rolda de contactos que inicia este luns con todos os grupos políticos para solicitar apoios á súa investidura.
Así o anunciou o vicesecretario do PP, Borja Sémper, en conferencia de prensa tras a reunión do Comité de Dirección do partido, na que tamén asegurou que Feijóo vai incluír na rolda de contactos a todos os presidentes autonómicos.
Segundo Sémper, o presidente do PP quere manter, como líder do partido máis votado, unha reunión con Sánchez para coñecer a súa "disposición" á hora avanzar na estabilidade, as reformas e no interese xeral de España.
"É fundamental que a política estea presidida pola moderación, que escape e fuxa de extremismos", salientou, antes de insistir na "responsabilidade" que teñen ambos os partidos para buscar a estabilidade e a gobernabilidade deste país.
O dirixente popular apuntou que este encontro entre Sánchez e Feijóo debería servir para "achandar un camiño novo na política española".
Núñez Feijóo tamén quere co resto de grupos parlamentarios agás EH Bildu. Si falará cos independentistas cataláns, pero, asegura, iso non significa "ceder". "Se algunha formación política, despois deses contactos institucionais, nos ven con outro guión, a resposta será non", asegurou Borja Sémper.
O PSOE acepta reunirse con Feijóo, sen aclarar se será Sánchez quen acuda ao encontro
O PSOE acepta reunirse co líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, dentro a rolda de contactos que vai manter de cara ao debate de investidura, segundo afirmou este luns a portavoz do PSOE e ministra de Educación en funcións, Pilar Alegría.
"Se se nos chama, primeiro tennos que chamar (...) acudiremos a esa reunión", sinalou en declaracións aos medios en Ferraz, onde pediu tamén ao PP que deixe de "insultar" o PSOE, respecte a este partido e aos seus votantes.
Iso si, Alegría non confirmou que vaia ser Pedro Sánchez, quen se entreviste con Feijóo, tal e como solicita o líder do PP, e neste sentido fontes do partido matizaron que podería ser Sánchez "ou outro" quen acuda ao encontro.
Alegría reclamou ademais que os populares pidan desculpas por estar deslexitimando ao Goberno e insultado ao PSOE, ao que se uniron os "chamamentos ao transfuguismo".
Movementos de cara á investidura de Sánchez
ERC insiste en que a súa prioridade non é negociar co PP e insta o PSOE a mover ficha. "A presión é para o PSOE", dixo en conferencia de prensa a súa voceira Raquel Sans, que volveu amosar a súa dispoñibilidade a negociar "no marco da amnistía, a autodeterminación e benestar da cidadanía".
Sumar pide protagonismo nesas conversas, avogando por unha lei de amnistía que consideran "plenamente constitucional", segundo o seu voceiro, Ernest Urtasun.
En paralelo, Sumar negocia tamén co PSOE unha eventual coalición de Goberno. "Negociamos contidos, non a estrutura do Goberno, que virá despois. Estamos negociando e estamos aínda demasiado lonxe" dixo Yolanda Díaz, vicepresidenta segunda en funcións, nunha entrevista en TVE.