Núñez Feijóo critica a inacción do Goberno ante o paro do transporte
Núñez Feijóo critica a inacción do Goberno ante o paro do transporte
O presidente da Xunta asegura que urxen medidas xa e advertiu dun "colapso xeneralizado" no Executivo
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, di que o conflito do transporte tiña que terse evitado. Feijóo critica a inacción do Goberno, asegura que urxen medidas xa e advertiu dun "colapso xeneralizado" no Executivo.
O presidente da Xunta acusou ao Goberno de Pedro Sánchez de "incendiar" o conflito con "descualificacións e insultos á xente que sae á rúa". Feijóo cre que o paro do transporte debería estar xa orientado pero, no seu lugar, está paralizado o sector gandeiro, o sector pesqueiro e empeza a haber problemas de subministración por unha "falta de reflexos moi perigosa" do Goberno central.
"Cando unha xente ten preocupacións sae á rúa, deixa de gañar diñeiro, perde diñeiro, e aínda encima recibe descualificacións e insultos do Goberno é incendiar un conflito que por si só xa está incendiado", argumentou Feijóo.
Por iso, instou a concretar solucións ao prezo dos carburantes e da enerxía "xa", que funcione a Lei da cadea alimentaria para que ninguén poida vender por baixo dos custos e que a Conferencia Sectorial do Transporte peche un acordo esta tarde.
Tras reiterar a súa comprensión polo conflito dos transportistas, instoulles a que deixen saír produtos perecedoiros como o leite, a carne ou o peixe.
"Non podemos producir tanta pobreza e tanta incerteza no noso país, a xente non o merece", clamou.