Núñez Feijóo e Sánchez reuniranse este mércores ás dez da mañá no Congreso
Núñez Feijóo e Sánchez reuniranse este mércores ás dez da mañá no Congreso
A convicción do presidente do PP segue sendo un modelo que facilite a investidura da lista máis votada
Núñez Feijóo chamará a Pedro Sánchez para solicitarlle unha reunión
O líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, e o presidente do Goberno en funcións, Pedro Sánchez, reuniranse este mércores ás 10:00 horas, no Congreso dos Deputados, segundo fontes populares e do PSOE.
A reunión prodúcese despois de que Núñez Feijóo contactase con Sánchez onte ao mediodía por WhatsApp para solicitarlle unha reunión no marco da rolda de contactos que levará o presidente do PP para solicitar apoios para a súa investidura.
Fontes populares aseguraron que nunha primeira mensaxe, Núñez Feijóo solicitou a Sánchez manter unha charla telefónica para tratar este asunto.
O presidente en funcións coincidiu na conveniencia de celebrar esa reunión e, segundo fontes socialistas, ofreceu tres alternativas para celebrala de inmediato: hoxe martes, o mércores ou o xoves, pero preferiu que fosen os directores de gabinete de ambos os quen pactase a data máis indicada.
Finalmente, acordouse que a celebración do devandito encontro será mañá mércores, ás 10:00 horas, no Congreso dos Deputados.
O PP enmarca este encontro na normalidade democrática marcada na axenda posterior ás eleccións xerais do 23X e na institucionalidade previa ao debate de investidura fixado para o 26 de setembro.
Feijóo xa avanzou a Sánchez durante o debate electoral que se celebrou o pasado mes de xullo que PP e PSOE deberían traballar nun modelo que facilitase a investidura da lista máis votada.
Esa convicción do presidente do PP segue vixente e así llo trasladará mañá ao xefe do Executivo en funcións e secretario xeral dos socialistas, Pedro Sánchez, segundo aseguran fontes populares.
Nunha entrevista en Onda Cero, o vicesecretario do PP, Borja Sémper, preguntábase se "non conviría que o PSOE e o PP nos puxeramos de acordo para desbloquear a lexislatura e iniciar unha lexislatura que pivote ao redor dos acordos, das negociacións, do entendemento no Congreso dos Deputados entre as dúas grandes formacións políticas?"
O Goberno considera un "paripé" o intento de investidura de Feijóo
A portavoz do Goberno en funcións, Isabel Rodríguez, tachou de "paripé" o intento de investidura que pretende levar a cabo o líder do PP sebendo que vai perder e que, por tanto, vai facer "perder o tempo" aos españois.
Tras asegurar que o presidente do Goberno asume este encontro con "absoluto respecto institucional e con normalidade democrática", destacou a "absoluta dispoñibilidade e inmediatez" na resposta que lle deu ao candidato do PP.
Lembrou que este luns ofrecéronlle tres posibles datas para celebrar a reunión (na tarde deste martes, o mércores ou o xoves) e dixo que a "inmediatez" de Sánchez á hora de contestar contrasta coa "actitude dilatoria" que está a ter, na súa opinión, Núñez Feijóo, que "pediu un mes para gañar tempo, non sabemos para que", apuntou.
E faino, continuou, "sabendo que vai perder". "Para que entón facernos perder o tempo aos españois?", preguntouse, "para un paripé por todo o folclore que arredor da mesma se está facendo".
Pero os populares non tiran a toalla e seguen buscando os votos que lles faltan. Para Borja Sémper "son catro escanos moi difíciles de acadar, é unha obviedade", pero, engade, "a alternativa que tiña o PP e Alberto Núñez Feijóo era quedar na rúa Xénova cruzado de brazos, e iso sería non cumprir o mandato das urnas".
Nesa idea de recadar apoios, Núñez Feijóo quere reunirse tamén con todos os presidentes autonómicos. Xa se puxo en contacto co vasco, pero Iñigo Urkullu cre que este non é o mellor momento. "Estamos no tempo previo, no dos partidos políticos. Aínda así, non vou negarme nunca a falar nin con Alberto Núñez Feijóo nin con ninguén", declarou o lehendakari.
O outro partido vasco, EH Bildu, negocia xa co PSOE. Para o seu coordinador, Arnaldo Otegi, "a esquerda española ten que entender que iso ten unha lóxica contrapartida política". O abertzale asegura que non está falando de "mercantilismo" senón de que se vexa "satisfeita" a "axenda da plurinacionalidade".
O PSOE ten ademais outra fronte aberta, a do reconto do voto exterior. Vai recorrer ante o Tribunal Constitucional para que se revisen os 30.000 votos nulos rexistrados na comunidade de Madrid.