Publicador de contidos
Publicador de contidos

O 62 % das bases de Podemos Galicia rexeita ir con Sumar ás autonómicas

O 62 % das bases de Podemos Galicia rexeita ir con Sumar ás autonómicas

Pablo Iglesias desaprobara a coalición e pedira o voto para o BNG

Juan Carlos Monedero defendía votar si para non fracturar a esquerda

Pablo Iglesias nunha imaxe de arquivo con Yolanda Díaz ao fondo
G24.gal 30/12/2023 10:29 Última actualización 30/12/2023 14:57

O 62,36 % das bases de Podemos Galicia rexeita concorrer en coalición con Sumar para as eleccións autonómicas do 18 de febreiro, fronte ao 36,25 % que si aposta por ir xuntos aos comicios. Son os resultados da consulta que a dirección despregou este xoves e venres.

Desta forma, o criterio maioritario da militancia é desligarse da formación que lidera Yolanda Díaz para a vindeira cita electoral.

O preacordo que se fraguou reservaba para os morados o segundo posto da circunscrición pola Coruña, o primeiro por Lugo, o terceiro de Ourense e o cuarto por Pontevedra. Sumar quedaba co primeiro posto na Coruña e Pontevedra, con máis posibilidades de lograr escano.

Iglesias apostou polo non

A dirección estatal da formación violeta marcou distancias sobre este preacordo e especificou que Podemos Galicia ten autonomía e que serían as persoas rexistradas as que decidirían. Con todo, figuras históricas ligadas ao partido marcaron opinión sobre o criterio que debía primar na consulta.

O exlíder do Podemos, Pablo Iglesias, recomendou nun editorial de Diario Red, o medio que dirixe, rexeitar a coalición con Sumar e pedir o voto para o BNG.

Pola súa banda, o cofundador do partido, Juan Carlos Monedero, defendía votar si a concorrer con Sumar para non fracturar a esquerda, malia considerar que a súa oferta para Podemos era "arrogante" e unha "trampa".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade