Publicador de contidos
Publicador de contidos

A participación a media tarde nas presidenciais francesas é a máis baixa desde 2002

A participación a media tarde nas presidenciais francesas é a máis baixa desde 2002

Cun 65 %, cae máis de catro puntos respecto dos comicios de 2017

Doce candidatos aspiran á presidencia nesta primeira volta

Macron podería ser reelixido como presidente en segunda volta
G24.gal 10/04/2022 14:05 Última actualización 17:45 10/04/2022

Desde as oito da mañá e ata as oito desta tarde están abertos os colexios electorais en Francia. Máis de 48 millóns de votantes poden participar nesta primeira volta das presidenciais.

A participación nos comicios alcanzou un 65 % ás 17:00 horas, o índice máis baixo desde 2002, conforme os datos que facilita Interior.

Nas últimas eleccións, en 2017, a esta mesma hora votara o 69,42 %. A cifra alcanzou o 70,59 % en 2012.

A marca da participación máis baixa nunha primeira volta na Quinta República é o 58,45 % de 2002, ano en que o candidato da Fronte Nacional, Jean Marie Le Pen, logrou un sorprendente segundo posto que lle permitiu alcanzar a segunda volta.

A posibilidade dunha alta abstención na votación é unha das chaves da xornada.

Se, tal e como din as enquisas, ningún dos doce candidatos consegue este domingo a maioría absoluta, os franceses terán unha segunda volta o próximo día 24 na que só participarán os dous gañadores da primeira.

As enquisas din que o presidente Macron e a ultradereitista Le Pen están empatados

Todos os estudos preelectorais din que o actual presidente, o centrista Enmanuel Macron, e a candidata ultradereitista Marine Le Pen, serán os gañadores desta xornada. Despois dunha campaña marcada pola pandemia e a guerra en Ucraína, os dous favoritos nas enquisas están tecnicamente empatados, e todo dependerá do nivel de abstención e da mobilización do electorado menos extremista.

A candidata socialista, Anne Hidalgo, podería quedar nos últimos postos

A primeira candidata en votar este domingo foi a alcaldesa de París, a líder hispanofrancesa do noutros momentos poderoso Partido Socialista. Anne Hidalgo podería quedar case en última posición, xa que os votos da esquerda irán en gran medida para o populista Jean Luc Mélenchon, ao que as enquisas sitúan en terceira posición e subindo.
Por debaixo do dez por cento, sempre segundo as empresas de sondaxe, quedarán o ultradereitista Eric Zemmour, máis radical ca Marine Le Pen; a candidata da dereita histórica e o líder dos ecoloxistas.

Agora, coa candidata da ultradereita Marine Le Pen subindo sen parar, Francia e o resto de Europa pregúntanse se a filla do extremista Jean Maríe Le Pen, que pasou á segunda volta en 2002, será capaz de adiantar este domingo o actual presidente Macron.

A segunda e definitiva volta celebraríase o próximo día 24

En calquera caso, parece que haberá que agardar ao día 24, para saber se Macron é reelixido por outros cinco anos ou se Le Pen leva a ultradereita euroescéptica á presidencia de Francia. A batalla electoral francesa seguirá despois destas presidenciais, xa que en xuño hai eleccións lexislativas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade