Publicador de contidos
Publicador de contidos

O acusado do crime de Moaña entrara a roubar en casa na vítima anos atrás e ela "tíñalle medo"

O acusado do crime de Moaña entrara a roubar en casa na vítima anos atrás e ela "tíñalle medo"

A Fiscalía pide 25 anos de cárcere e a familia da muller solicita prisión permanente revisable pola "vulnerabilidade" da vítima

Balbino S. E., acusado de asasinar unha muller de 72 anos en Moaña (Europa Press) Balbino S. E., acusado de asasinar unha muller de 72 anos en Moaña (Europa Press)
G24.gal 01/07/2024 17:31

O home acusado de asasinar unha muller septuaxenaria na súa casa de Moaña, en xullo de 2021, xa lle entrara a roubar, polo que a muller "tíñalle medo", segundo declarou este luns o fillo da vítima, no xuízo que se segue por ese crime, na sección segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra.

A vista contra Balbino S. E. comezou este luns tras a selección do tribunal de xurado, pero o acusado, para quen a Fiscalía pide 25 anos de prisión, acolleuse ao seu dereito para declarar ao final da práctica da proba.

Si compareceron varias testemuñas, entre eles o fillo da vítima, Cándida S. P., que relatou que a súa nai coñecía o acusado porque, ademais de vivir nunha casa próxima, o sorprendera había "25 ou 30 anos" dentro da súa vivenda, onde entrara a roubar. Naquel momento, explicou a testemuña, a súa nai retirou a denuncia ante os rogos da nai de Balbino, pero nunca tivo relación con el, "nin quería tela" porque "lle tiña medo".

Esta testemuña relatou ante o tribunal, coa voz rota por momentos, que foi el quen atopou o cadáver da súa nai ao entrar na casa. O fillo atopou a vítima tirada na entrada da casa, cunha corda enroscada no pescozo e atada ao pasamáns dunha escaleira, coas mans atadas ás costas "e o corpo cheo de hematomas".

Así mesmo, explicou que, no salón da vivenda, atopou a carteira da súa nai aberta, aínda que con só unhas moedas, e varios cadernos bancarios e documentación tirada.

En procura dunha coartada

Na xornada deste luns declarou tamén unha testemuña que asegurou que o acusado contactou con el pouco despois do crime para explicarlle que vira a muller xa falecida na súa casa, aínda que "non admitiu que a matase el".

Con todo, relatou esta testemuña, Balbino pediulle que, se era interrogado pola Garda Civil, explicase que estiveran xuntos nas últimas horas.

"El queríame involucrar. Queríame poñer como coartada", sinalou.

Igualmente, prestou declaración como testemuña unha veciña da zona que, meses antes do crime, denunciou o acusado por tentar entrar na súa casa para roubar. A muller relatou que sorprendera o procesado entrando na súa leira cun coitelo, pero o procedemento por eses feitos acabouse arquivando.

"Síntome culpable, porque esa señora podería ser eu", proclamou esta testemuña.

Delitos e penas

A Fiscalía considera a Balbino S. E. autor dun delito de tentativa de roubo con violencia en concurso medial cun asasinato aleivoso, e pide que sexa condenado a 25 anos de cárcere, que se lle impoña unha orde de afastamento dos familiares da vítima por 10 anos e que indemnice o único fillo de Cándida en 30.000 euros.

Pola súa banda, a acusación particular, que exerce o fillo, acusa polos mesmos delitos, pero pide unha condena de prisión permanente revisable, xa que a vítima "era especialmente vulnerable" pola súa idade e os seus achaques. Tamén reclama unha indemnización de 150.000 euros.

Mentres, a defensa nega os feitos e pide a libre absolución, ao considerar que non hai probas que acrediten a culpabilidade do acusado.

"Ninguén o viu cometer eses feitos", sinalou o seu avogado, que engadiu que non se achou perfil xenético de Balbino S. E. nos "instrumentos" utilizados para cometer o asasinato. Porén, si se atopou ADN do acusado nas uñas da vítima e sangue de Cándida nunhas luvas achadas no domicilio de Balbino.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade