Jácome empuxa unha sindicalista e alega que temía "unha agresión acústica"
Jácome empuxa unha sindicalista e alega que temía "unha agresión acústica"
Pérez Jácome empuxou unha representante de CCOO que protestaba diante do concello e trataba de facerlle chegar un megáfono
O alcalde asegura que temeu que lle "provocase unha rotura do tímpano"
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, empuxou este martes unha sindicalista que portaba un megáfono na man no marco dunha protesta diante do Concello no inicio da folga de transporte urbano da cidade e alegou que estaba "a impedir unha agresión acústica".
Ás dez da mañá estaba convocada na Praza Maior da cidade unha concentración na que se atopaban os representantes do comité de empresa, CIG, UXT e Comisións Obreiras.
Foi unha representante deste último sindicato a que recibiu o empuxón do alcalde. A sindicalista achegouse ao rexedor con intención de ofrecerlle o megáfono mentres pedía que "achegase unha solución ao conflito".
Tras varios intentos de pasarlle o megáfono, o alcalde apartouna empuxándoa. A Policía Local intercedeu para separalos.
Nun vídeo publicado polo alcalde nas redes sociais do Concello, Jácome xustificouse explicando que a actuación foi "en defensa propia" e que a sindicalista "liberada, que nin sequera traballa nesa empresa", "meteuse no seu espazo" de forma "exaltada" co megáfono "vociferando", polo que temeu que se producise "unha agresión acústica" que lle provocase "a ruptura do tímpano".
"Se tivese un par de segundos máis para pensar igual faría outra cousa, pero no momento vin unha ameaza dunha agresión acústica que me podía romper o tímpano, deixar xordo ou ter unha perda auditiva permanente e deille un empuxón", afirmou o alcalde.
Por parte de Comisións Obreiras esixiron unha desculpa do rexedor cara á súa compañeira logo de cualificar a situación de "falta de respecto e mala educación", pero o alcalde esgrimiu que "non lle debe" unha desculpa á manifestante porque el "só se protexeu". A quen si lle pediu desculpas é á cidadanía por "situacións así, que son continxencias como alcalde ou incidentes".
Tras o sucedido, o socio de goberno de Jácome, o Partido Popular, manifestou que a reacción do rexedor municipal foi "desproporcionada" e que "nada a xustifica", para aseverar que "non comparten en absoluto as formas".
Mentres a oposición pediu que o PP non manteña a Jácome máis tempo á fronte da alcaldía e que o rexedor dimita de forma inmediata. Así o solicitaron PSOE e BNG.
Para os nacionalistas "é hora de que o PP asuma a súa responsabilidade" e "retire a Jácome da Alcaldía" porque o sucedido este martes "supera todos os límites e contribúe máis á degradación da imaxe de Ourense".
Nesta mesma liña, mostrouse o Partido Socialista, a formación condena "rotundamente a agresión do alcalde" e esixe que o PP "deixe de amparar ese tipo de actitudes violentas e impropias da máxima autoridade da cidade", para esixir "a dimisión inmediata do alcalde".