O anegamento de terras estragou a colleita do cereal de inverno na Limia
O anegamento de terras estragou a colleita do cereal de inverno na Limia
A choiva tamén impide sementar o de primavera polo que dan por perdida a campaña deste ano
Na comarca da Limia, a principal produtora de cereal de Galicia, xa dan por perdida a colleita deste ano. A chuvia estragou o cereal de inverno e impide entrar nos campos para sementar o de primavera. Dende Unións Agrarios solicitan medidas que axuden a paliar as cuantiosas perdas.
A terra na Limia xa non é quen de absorber máis auga. En pouco máis de catro meses choveu case tanto como en todo un ano hidrolóxico. Case non se sementou cereal de inverno, que é o que rexistra unha maior produción por hectárea, e o pouco que hai non botou raíz.
Agora, hai que agardar a que pare a chuvia para sementar o cereal de primavera, menos produtivo. Se se tardan moito en botalo, poderían perdelo pola chegada da calor.
Na Limia producen anualmente uns 40 millóns de quilos de cereal. Este ano xa falan dunha colleita ínfima. Para paliar as perdas, dende Unións Agrarias solicitan que se flexibilice a rotación de cultivos necesaria para cobrar a PAC pola imposibilidade de levala a cabo.
Quéixanse ademais de que os seguros agrarios deixan fóra o 80 % da produción desta comarca, xa que están pensados para zonas con menos rendemento por hectárea como Castela.