A posibilidade de que Sánchez renuncie á presidencia centra a campaña catalá
A posibilidade de que Sánchez renuncie á presidencia centra a campaña catalá
O candidato socialista á presidencia da Generalitat Salvador Illa chamou este xoves á "resistencia colectiva" en apoio do presidente
O líder do PSC e candidato á presidencia da Generalitat Salvador Illa chamou este xoves á "resistencia colectiva" contra "a destrución do adversario" e en apoio ao presidente do Goberno Pedro Sánchez: "Estamos contigo. O PSC está contigo".
No acto de inicio de campaña do PSC para as eleccións do 12 de maio, Illa lanzou unha mensaxe de apoio ao presidente co lema "Estamos contigo, presidente" proxectado nas pantallas e arrincando unha ovación e berros de "Pedro, Pedro" entre os 1.600 asistentes ao mitin.
"Pedro, da túa resistencia individual facemos hoxe un chamamento a levantar unha resistencia colectiva", proclamou Illa, que rexeitou os intentos de "destrución sistemática do adversario" e a "instrumentalización das institucións".
O líder do PSC, que non mencionou explicitamente o PP e Vox, denunciou os "ataques indiscriminados" que está a sufrir Sánchez e a "crispación" política que se está xerando desde a súa chegada ao Goberno.
"Que razón hai para crispar como estades a crispar? Todos temos dereito a gobernar, ninguén ten máis dereito que outro a gobernar. Escollen os cidadáns aos gobernantes. Os gobernantes escóllense nas urnas, non nos despachos. E vale igual o voto dun obreiro que o dunha persoa con recursos", salientou.
Así mesmo, nunha semana marcada tamén polas comparecencias de Illa nas comisións de investigación sobre o caso Koldo, en que o PP e Vox, pero tamén ERC e Junts, cargaron contra o exministro de Sanidade, o líder do PSC cuestionou o "patriotismo" de quen busca "usar o traballo digno que fixeron tantos servidores públicos para sacar un triste e pírrico beneficio político".
Aragonés critica a Sánchez por pensar en abandonar
O presidente da Generalitat e candidato de ERC á reelección Pere Aragonès dixo este xoves que o seu partido sempre "planta cara" á ultradereita e asegurou que el nunca pensou en abandonar, a pesar de estar "profundamente namorado" da súa esposa.
"Eu tamén estou profundamente namorado da miña muller, pero non abandono cando a ultradereita ataca. Planto cara, sempre de pé", sinalou, con medio sorriso debuxado, en alusión ao presidente do Goberno.
No acto de inicio de campaña de ERC, celebrado nos Jardinets de Salvador Espriu, o presidente catalán apuntou que el tamén foi obxecto de querelas sen fundamento.
E agregou: "A miña Manos Limpias chámase CNI, que estivo durante ano e medio monitorizando o meu teléfono".
Puigdemont dende Francia: "Nós saímos chorados da casa"
O candidato de JxCat á presidencia da Generalitat Carles Puigdemont lanzou un dardo ao presidente do Goberno: "Coñecemos mellor ca eles a xustiza española, a prensa patriótica, non nolo ten que explicar ninguén. Como os coñecemos, saímos chorados da casa".
JxCat deu inicio á súa campaña electoral para o 12M este xoves cun acto no Jean Carrere Space de Argelès-Sur-Mer (Francia), onde se desenvolverán todos os mitins da candidatura.
O anuncio de Sánchez marcou parte do discurso inaugural de Puigdemont, que reivindicou a forza de JxCat para romper o non cara a Cataluña da "coalición de PP e PSOE", en alusión á lei de amnistía ou o non recoñecemento nacional de Cataluña.
Ademais, Puigdemont advertiu que o candidato socialista Salvador Illa é capaz de "xogar sucio" como cre que fixo Jaume Collboni no Concello de Barcelona aliándose co PP para desbancar da alcaldía o candidato de Junts Xavier Trias.
Os Populares animan a Sánchez a que abandone a política
O candidato do PP á Generalitat Alejandro Fernández animou o presidente do Goberno Pedro Sánchez e o expresident Carles Puigdemont a "que non dubiden" sobre a posibilidade de abandonaren a política: "Se o luns se largan terán todo o noso apoio e comprensión: Que se vaian á casa!".
No acto de inicio de campaña do PP este xoves en Castelldefels (Barcelona), Fernández manifestou que tanto Sánchez como Puigdemont acabaron "mimetizándose" e acusounos de converteren a política "nun reality show sobre as súas inquedanzas, a súa vida, o seu amor, os seus anhelos".
Fernández pediulles a Sánchez e Puigdemont que non dubiden, que sexan resolutivos.
Do resto de partidos, os Comúns estrearon a alianza con Sumar en Reus, a CUP comezou co lema "Defendamos a Terra" e Vox centrará a campaña na denuncia da inmigración ilegal, igual que o partido secesionista de extrema dereita Aliança Catalana.