O arcebispo de Santiago apoia a investigación dos abusos sexuais, pero "sen discriminacións"
O arcebispo de Santiago apoia a investigación dos abusos sexuais, pero "sen discriminacións"
Julian Barrio denuncia "que se pretende identificar abusos con Igrexa"
"A pederastia non é unha cuestión da Igrexa, é unha cuestión social", asegura
O arcebispo de Santiago, Julián Barrio, asegurou este venres que as propostas para crear comisións de investigación no seo do Congreso e no Defensor do Pobo sobre os abusos sexuais é "ben recibida" por parte da Igrexa, no marco da súa "colaboración leal" co Estado.
"Iso si, respectando o ordenamento xurídico e o que tantas veces dixemos e insistimos: sen privilexios pero sen discriminacións", matizou a continuación.
Durante a quenda de preguntas na conferencia de prensa da presentación do o Encontro de Empresarios Católicos, un evento que terá lugar en Santiago do 31 de marzo ao 1 de abril, o arcebispo denunciou que "hoxe se pretende identificar abusos con Igrexa", o que pon "baixo sospeita ás institucións eclesiais".
"Por desgraza, a pederastia non é unha cuestión da Igrexa, é unha cuestión social. E digo isto non como escusa, digo isto como unha realidade que hai que ter en conta", dixo a continuación Barrio, posto que "só un caso xa sería suficiente" para "a necesidade de pedir perdón e atender" ás vítimas.
Neste sentido, Barrio lembrou que a Diocese de Santiago, igual que o resto, contan con "un departamento no cal todas aquelas persoas" que padecesen estes abusos poidan presentar "a denuncia correspondente", tras o cal se activa "un protocolo xa perfilado e que xa está en práctica".
O arcebispo compostelán apelou a que "isto nunca volva repetirse" e garantiu que a Igrexa considera que "soamente un caso" xa considera "motivo non soamente para pedir perdón, senón tratar de acompañar a esta posible vítima non só legalmente e psicoloxicamente, senón con todo aquilo que lle puidese axudar".
"Eu mesmo manifestei outras veces que estou disposto a escoitar a todas as posibles vítimas que, dunha ou outra maneira, sintan a posibilidade de ser escoitadas e axudadas", proseguiu Barrio.
Concretamente, o arcebispo foi preguntado sobre os casos concretos de abusos sexuais ocorridos nos anos 70 e 80 que La Salle anunciou o pasado sábado que investigaba tras recibir novas denuncias. Dous deles rexistráronse en Galicia -teñen centros en Santiago e en Ferrol- e o terceiro, en Castela e León.
Respecto diso, non respondeu o arcebispo senón o seu auxiliar, Francisco José Prieto, quen non se referiu ás denuncias que en últimos días están a saír á luz sobre o centro da capital galega, senón que se limitou a lembrar que a Arquidiocese ten unha oficina de coordinación de atención ao menor.
Así, Prieto defendeu que se procede "conforme a unha serie de protocolos" que son "moi esixentes" e que contemplan unha "responsabilidade de aproximación cara ás vítimas" e "de perdón", así como de "buscar esa xustiza e esa verdade" que axude a "facer fronte a unha lacra presenta nesta sociedade pero que tamén afectou á Igrexa".
Posteriormente, ao volver ser preguntado sobre os supostos abusos no Colexio La Salle, o auxiliar do arcebispo apuntou que quen proceden a investigalos son os "superiores da congregación", que "procederon a iso".
E é que, segundo afirmou, os protocolos establecidos non só son preventivos, senón que "tamén axudan a ese escoitar das vítimas, a pórse en contacto con elas e a proceder sempre á investigación dos feitos".
Todo iso, engadiu Prieto, "sempre coa discreción debida" e con "respecto á vítima en primeiro lugar", posto que "ás veces" esta investigación "pode estar incursa no ámbito civil".