Un autobús choca contra un edificio en Arteixo e evacúan o condutor san e salvo
Un autobús choca contra un edificio en Arteixo e evacúan o condutor san e salvo
Sufriu unha indisposición no momento do accidente e quedou atrapado dentro do vehículo
O condutor dun autobús da liña 6 que cobre o traxecto avenida de Hércules-Meicende, entre A Coruña e Arteixo, tivo que ser evacuado despois de sufrir unha indisposición e chocar contra un edificio na avenida do Butano, en Arteixo.
Segundo informou a Compañía de Tranvías da Coruña, o condutor, único ocupante do autobús nese momento, non sufriu danos de importancia, aínda que foi trasladado ao hospital, onde se atopa en observación.
O sinistro, tal e como trasladou o 112 Galicia, produciuse sobre as 10:35 horas deste venres. A esa hora, un particular alertou de que un autobús sufrira unha saída de vía e chocara contra un edificio. Indicou tamén que o condutor do autobús estaba atrapado, aínda que non sufrira danos.
Con estes datos, os operadores do 112 Galicia avisaron os Bombeiros de Arteixo para que liberasen o implicado. Ademais, solicitaron a intervención do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061. Tamén informaron á Policía Local, ao Servizo Municipal e á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Arteixo.
Despois da actuación dos bombeiros, os servizos sanitarios trasladaron o chofer en ambulancia. Mentres, a dotación permaneceu no punto para facer labores de limpeza, xa que había moitos cascallos.
Pola súa banda, a Compañía de Tranvías da Coruña lamentou nun comunicado os danos materiais ocasionados no edificio afectado, así como as molestias aos veciños. Neste sentido, sinalou que a empresa iniciou as xestións para achegar unha solución canto antes.
En canto ao servizo da liña 6, procedeuse á asignación inmediata dun novo autobús, que permitiu o restablecemento do servizo "nun curto período de tempo", polo que todas as liñas funcionan xa con total normalidade.